Os makers máis novos terán espazo de seu nos Coruña Hacks

luns, 18 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Queriamos quedadas sobre tecnoloxías abertas e construtivas? Pois ímolas ter, e por partida tripla. Así, en tres tempos, é como veñen este ano os encontros Coruña Hacks, que estrean en marzo unha nova edición coa devandita novidade e, tamén, coa incorporación dun formato mini para a nova xeración de argalleiras e argalleiros (a celebrarse de maneira paralela e complementaria). Como lembraremos, Coruña Hacks vén da man dos colectivos GPUL, Coruña Developers e Árticos. Serán tres hackatons, os segundos sábados de marzo, abril e maio.
Ao seu abeiro seguirase en parte a fórmula de costume: desenvolveranse proxectos libres co obxectivo de dar respostas, tecnolóxicas, a demandas sociais concretas. Ou sexa, trátase de impulsar os recursos dixitais para o ben o común.
A maiores, haberá unha gala final con premios para os mellores proxectos. Apoiando a iniciativa atópase novamente o Concello da Coruña, que deu o seu respaldo a estes obradoiros dende as súas orixes (a través de Coruña Dixital e da Área de Participación e Innovación Democrática).
Segundo lembran as entidades organizadoras, Coruña Hacks é unha proposta aberta a todas as persoas que teñan a arela de experimentar coa tecnoloxía, dando forma a novos programas e servizos de utilidade común e afondando en detalles relacionados co hardware libre.
A primeira xeira será no Centro Ágora e nela poderase debater sobre que proxectos se traballará e constituír os equipos coas persoas inscritas.
Como dixemos, unha das grandes incorporacións deste ano son os formato mini, a través de Coruña Minihacks, unha proposta para rapaces de entre 8 e 16 anos que se desenvolverá os mesmos días que a versión adulta, aínda que moitas menos horas por xornada. Segundo informan os colectivos organizadores, nas sesións as participantes poderán programar historias, aplicacións ou videoxogos, co único requisito de poder levar un ordenador portátil.

PUBLICIDADE