Os máis pequechos xa poden ver nos móbiles os seus debuxos favoritos grazas á app Xabarín TVG

luns, 5 de decembro do 2016 Redacción

A Corporación da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) lanzou a semana pasada unha nova aplicación, Xabarín TVG, unha ferramenta que (como indica o seu propio nome) vai dirixida aos máis pequenos da casa e, máis en detalle, a facer posíbel que vexan os seus contidos favoritos (os de Xabarín Club) en teléfonos móbiles e máis tabletas. A ferramenta foi dada a coñecer na presentación da nova entrega de Culturgal en Pontevedra, por parte da directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas.
Segundo fixo saber, a iniciativa é unha adaptación do Xabarín Club aos novos xeitos de ver contidos por parte dunha xeración, a das nosas nenas e nenos, que é “completamente dixital”. Tamén salientou que se trata da única aplicación para a rapazada con series e programas de debuxos “exclusivamente” en lingua galega. Series tan salientábeis como por exemplo Os Bolechas, Fish and Chips, Cocorico, Caracois, A tropa de trapo, A vaca Connie ou Raa Raa.
A ferramenta móbil, dispoñíbel para Android e iOS, ofrécenos a posibilidade de seleccionarmos os contidos en función da idade das nenas e nenos ou das preferencias que como pais consideremos axeitadas. Ademais, permite ver os debuxos en streaming Wi-Fi e 3G, e é compatíbel con Air Play/Apple TV. A idea é que os máis pequenos poidan visualizar “os seus debuxos favoritos en calquera lugar e a calquera hora do día. Xabarín TVG é a quinta aplicación para dispositivos móbiles lanzada pola Televisión de Galicia.

PUBLICIDADE