Os logros e eivas da eAdministración, a debate en Vigo

luns, 28 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede vai parecéndose cada vez máis á nosa vida e dentro desta aplicación ao universo web dunha boa parte do que facemos ou deixamos de facer, os procesos administrativos non ían ser unha excepción. En boa maneira, ten sentido que a comunicación que temos coas institucións públicas se leven a cabo de xeito dixital: afórralles tempo e esforzos a todos os implicados, pode chegar a ser máis segura e eficaz e permite unha xestión dos datos máis rendible e sostible (non se precisan as moreas de papel que até hai ben pouco se precisaban). Porén, como todo o relacionado coas redes no país, a Administración Electrónica é unha boa nova da que só coñecemos a primeira frase. Contribuír a que se saiba un pouco máis e a que se aproveite o que xa está en xogo son os obxectivos da conferencia que se está a celebrar no Centro Social Caixanova de Vigo e que reúne a máis de 50 especialistas internacionais en materia de TICs e servizos públicos.
A edición 2009 deste encontro (MeTTeG 09) está organizada polo Grupo de Enxeñería de Sistemas Telemáticos da Universidade de Vigo, contando coa colaboración da Xunta de Galicia. Máis polo miúdo e segundo explica Luís Anido, membro da organización, a xuntanza acollerá até este martes 26 presentacións de 15 países, de Estados Unidos até a India, “nas que se abordarán tanto o traballo de aplicación directa de tecnoloxías para a provisión de servizos ao cidadán como outros de investigación básica encamiñados a acadar solucións de operatibilidade entre administracións”.
A traxectoria do encontro MeTTeG é a seguinte: recalar en cidades onde existan centros de investigación salientables en servizos públicos dixitais co fin debater a fondo sobre os últimos avances dados en Europa. A aposta de Vigo, conta o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, ten que ver con isto: co compromiso da Universidade a prol da estudar en detalle as posibilidades da Sociedade da Información. Previamente á experiencia viguesa, o evento foi dar a universidades italianas e gregas.
Polo que respecta ao programa, a xuntanza está a contar coa presenza (entre outros) de Antonio Alabau, catedrático de Política de Telecomunicacións na ETSIT de Valencia, quen acode a Vigo para facer un repaso histórico dos programas gobernamentais en materia de pulo á eAdministración e facer un informe detallado do que pode acontecer nos vindeiros anos. Alabau, por certo, está a coincidir en Vigo cos especialistas que certifican a Rede como un altofalante á medida da nosa comunicación e a nosa presenza no mundo: “A Sociedade da Información é irreversible, e cada vez irá a máis. Quen está en contra da modernización se non podemos prescindir do móbil ou ordenador?”.

PUBLICIDADE