Os influentes poderían ter protección legal ante o acoso da prensa rosa

venres, 20 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Kiko Hernández terá que pagar 30.000 euros por declaracións sobre Juls Janeiro

As celebridades da Internet podería quedar libres do acoso da prensa rosa se atendemos a unha sentenza xudicial que condena a Mediaset a pagar 192.000 euros por intromisión ilexítima na hora de Julia Juls Janeiro, filla maior de Jesulín de Ubrique a María José Campanario, quen tras cumprir 18 anos converteuse en obxectivo de programas como Socialité e Sálvame, empregando como fonte de moitas das informacións a súa conta de Instagram. O colaborador Kiko Hernández tamén terá que pagar outros 30.000 euros polas declaracións realizadas en dous programas de Sálvame.
A sentenza emitida polo Xulgado de Instrución nº 2 de Arcos de la Frontera (Cádiz), ante a que aínda cabe recurso, recolle que Mediaset incorreu nun «delito de intromisión ilexítima no dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e á propia imaxe» de Julia Janeiro. Aínda que este tipo de sentenzas condenatorias contra o programa Sálvame non son ningunha novidade, nesta ocasión xogan un rol importante as redes sociais, xa que a sentenza entende que o feito de que a creadora de contido teñan 228 mil seareiros en Instagram non a converte nun personaxe público, e o feito de que Telecinco replique as imaxes que Janeiro publica sen contar coa súa autorización sería ilegal atendendo á xurisprudencia establecida polo Tribunal Supremo que entende que «a finalidade dunha conta nunha rede social na Internet é a comunicación do seu titular con terceiros, e non publicar a imaxe do titular da conta nun medio de comunicación».
Outro detalle da sentenza é que se indica claramente que «ser personaxe público non se herda», e o feito de que Julia Janeiro rexeitase dar entrevistas e falar cos medios deixa claro que non quere tal nivel de exposición. As publicacións que realiza en Instagram non autorizan a un programa de televisión a coller eses contidos sen consentimento e aproveitalos para expor publicamente a súa vida.
O que podemos entender desta sentenza é que o feito de que os influentes de Internet sexa coñecidos polos contidos que crean non abren a porta a que a prensa rosa poida entremeterse na súa intimidade. Loxicamente, se unha destas celebridades tivese desvelado detalles da súa vida privada en medios de comunicación xa non podería logo invocar o dereito á intimidade, pero no caso da inmensa maioría de creadores de contido parece claro que existe unha protección legal da que moitos tirarán proveito a partir de agora para evitar o acoso mediático.

PUBLICIDADE