Os grupos pro-anorexia toman por asalto Youtube, Myspace e Facebook

mércores, 29 de agosto do 2007 Matías Olazabal

O debate aínda fica candente. Primeiro foi a pedofilia, e agora as alarmas estanse a disparar de novo por mor da promoción das desordes alimenticias que se fai dende os sitios de Myspace, Facebook e Youtube, sitios nos que comunidades de usuarios pro- anorexia semella que falan o que lles peta. O dilema agora apunta a se os responsables deste sitios deben ou non anular contas, censurar a grupos ou borrar os vídeos dos denominados “pro-ana” (pro-anorexia), “pro-mia” (pro-bulimia), e o máis recente concepto ligado a estas prácticas, o autodenominado “thisnpiration” ou o que é o mesmo, “a inspiración da delgadeza”.

Se ben hai artigos que falan de até 8.000 vídeos deste tipo, os resultados das pescudas en Youtube son sensiblemente máis baixas. Porén, o que sen dúbidas si que chama a atención son as cantidades de reproducións dos mesmos (que sen contan por milleiros), e os comentarios que non adoitan a baixar de varios centos, pero sobre todo as clasificacións dos mesmos, que xa andan a rentes dunha media de 4 de 5 puntos.

Nos vídeos en cuestión o que se fai consiste nunha apoloxía da delgadeza extrema, e os mesmos soen ser unha escolma de fotos de modelos delgadas (cando non anoréxicas confesas) entre as que atopamos a Kate Moss ou a Victoria Beckham, mesturadas coas fotos das mozas que pregoan estes comportamentos, e que, en moitos casos, non amosan trazos dunha delgadeza que puidera considerarse saudable. Todo este concepto acompáñase de cancións alusivas, e as sempre presentes consignas do tipo “nada sabe tan ben coma a sensación da delgadeza ”.

Tendo dito isto, e para tentar medir dalgún xeito o alcance destes estímulos, Sharon Hodgson, responsable do sitio que intenta levar por un mellor camiño este tipo de casos pro-ana (WeBiteBack.com) e ex anoréxica, considera que alén dos efectos dos vídeos, a nova conceptualización da doenza vista por este grupos como algo positivo non fai máis que “alterar as percepcións dun mesmo e do mundo que nos rodea”, facendo aínda máis complexo o proceso de recuperación.

En medio da treboada, os responsables de Youtube minimizan estes feitos asegurando que "a nosa comunidade é a que fai o control de contidos do sitio e son os seus membros os que en definitiva cualifican de inapropiados os contidos expostos nela.”

Por outra banda, entre os centenares de “debates bizantinos” entre detractores e defensores da thinspiration, opinólogos e xornalistas que disparan dende os seus blogs e medios, un simple usuario dun foro canadense explica o seguinte: “Cada seis minutos aparece na televisión un comercial promovendo o consumo de comida lixo e modos de vida pouco saudables ligados con outros que promoven píldoras que resolven todos os problemas que achega ese ritmo de vida. Isto pon de manifesto o ilóxicos que resultan o nosos razoamentos como sociedade”. Ó que agrega: “O pensamento independente vén de ser demolido e a xente senta a agardar que as solucións de 30 segundos tomen as decisións por eles”. Amén…

PUBLICIDADE