Os expertos mostran no Campus de Ferrol os diferentes futuros de Internet

venres, 15 de marzo do 2019 Redacción

Un intre das xornadas nunha imaxe de Ángel Manso para La Voz

O futuro da Internet ten un punto de predicíbel contra unha listaxe infinita de incógnitas e incertezas. Albiscar os cambios e transformacións que nos agardan e afondar na vertente científica da era dixital son dous dos grandes obxectivos da 24 edición das Xornadas de Filosofía da Ciencia da Universidade da Coruña, que se celebran esta semana (até hoxe) no Campus de Ferrol, onde ducias de expertos nestas materias xuntan forzas para explicar os fenómenos comunicativos e informativos que estamos a vivir e tentar descubrir a onde nos levan exactamente.
O encontro ten un programa de actividades moi salientábel, que incluíu o primeiro día a presenza do director do Institute for Data Exploration and Applications e Tetherless World Professor of Computer, WEB and Cognitive Sciences no Rensselaer Polytechnic Institut de Nueva York, James Hendler, que foi o responsábel da conferencia inaugural, baixo o epígrafe O futuro da web.
James Hendler, que ten traballos conxuntos con Tim Berners-Lee, o creador da Web, analizou na súa intervención o cambio social protagonizado pola World Wide Web, que, segundo fixo saber, está a ir moito máis lonxe dos seus alicerces iniciais para afectar profundamente ao múltiples aspectos do mundo actual que coñecementos. Respecto da sociedade do futuro, Hendler reservoulle á sociedade dixital un papel moi activo e sinalou que a Web pode influír nos modelos de negocio, a consecución dos dereitos humanos e, mesmo, na procura da felicidade.
Hendler explicou que “até agora, a Web proporciona unha infraestrutura que nos axuda a aprender, a traballar, a comunicarnos cos nosos seres queridos e a proporcionar entretemento, pero a Internet tamén crea unha contorna afectada pola fenda dixital entre os que teñen acceso a ela e os que non o teñen”. Esta fenda, unida aos problemas crecentes de seguridade que todas e todos percibimos (e sufrimos) dende hai tempo, ponnos diante dos nosos ollos un importante desafío: como atopar un equilibrio viábel entre a posesión de datos e a protección da privacidade, entre a liberdade de información e cuestións de propiedade intelectual, e entre a vixilancia abafadora e o libre fluxo de coñecemento.
Respecto do futuro, Hendler recoñeceu que “é difícil predicilo” por dúas razóns: a crecente complexidade da Web e o aumento da escala das súas tarefas. Isto, sinalou, achéganos á súa vez dous posíbeis futuros moi diferentes: o primeiro é un día de mañá distópico, no que se confirman as tendencias negativas da Web e estas toman o liderado; e o segundo é un futuro positivo, cunha Internet máis aberta, onde prevalezan os criterios do merco libre, os sistemas democráticos e a transparencia da información. O experto recoñeceu que, na súa opinión, o probábel é que academos un lugar intermedio entre os dous escenarios sinalados e que este lugar compartido acubille trazos de ambos.
Máis relatorios
As XXIV Xornadas de Filosofía e Metodoloxía actual da Ciencia, que este ano desenvólvense baixo o epígrafe Xornadas sobre Internet e Ciencia. Análise desde a complexidade estrutural e dinámica, deron comezo coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela Santos Pita, e o coordinador das xornadas, Wenceslao J. González, catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia.
Tras o relatorio O futuro da Web do profesor James Hendler interveu Yan Luo, da University of Massachusetts Lowell, que tratou do deseño dunha Internet de máquinas e humano para o futuro, amais de abordar a cuestión da rápida evolución de Internet, tanto en arquitectura como en aplicacións. Asemade, afondou no xurdir da Internet das Cousas, no desenvolvemento da programación en rede (network programmability) e no aluvión de máquinas intelixentes que levaron a cambios rápidos e recentes de Internet. O seu obxectivo nas xornadas de Ferrol foi fornecer dunha visión de conxunto destes fenómenos e analizar os factores subxacentes que os propician.
Xa na tarde Ole Hanseth, catedrático da Universidade de Oslo, abordou a complexidade dinámica na construción de Internet. No seu relatorio propuxo unha teoría do deseño que afonda na complexidade dinámica no deseño de Infraestruturas da Información (II), definida como “un sistema sociotécnico de capacidades de Tecnoloxías da Información (TI) compartido, aberto, heteroxéneo e en desenvolvemento”. Os exemplos de II inclúen Internet ou as redes EDI (Electronic Data Interchange) da industria. As II componse de forma recursiva doutras infraestruturas, plataformas, aplicacións e capacidades de TI e están controladas por formas emerxentes, distribuídas e episódicas.
Expuxo Hanseth como as dinámicas evolutivas das II “son non lineais”, dependen da traxectoria e “están influídas polos efectos de Rede e a aprendizaxe ilimitada de usuarios e deseñadores”. A súa proposta acometeu as tensións entre dous problemas de deseño relacionadas co deseño das Infraestruturas da Información: por unha banda o problema de arranque das II (pois necesita cubrir de maneira directa as necesidades dos primeiros usuarios, para que se poida iniciar), e, pola outra, o problema da capacidade de adaptación (os deseños locais deben recoñecer a escala ilimitada das II e a incerteza funcional). O autor baseouse na historia de Internet para ilustrar estes principios e reflectiu diversos detalles da experiencia dos países nórdicos a este respecto.
Para finalizar a tarde do primeiro día destas xornadas do Campus de Ferrol, a mesa redonda xuntou os profesores James Hendler, Yan Luo, Ole Hanseth, Thanassis Tiropanis e Ruth Towse, debatendo arredor das “tendencias e novas posibilidades na relación entre ciencia e Internet” e “o papel da complexidade”. Máis polo miúdo intercambiaron coñecemento sobre a contribución da ciencia a esas perspectivas de futuro e como a ciencia pode axudar a afrontar a complexidade estrutural e dinámica de Internet.

PUBLICIDADE