Os enxeñeiros técnicos de telecomunicacións reivindican o seu importante papel durante a pandemia

luns, 5 de xullo do 2021 Redacción

O Hotel Balneario Arnoia Caldaria acolleu o pasado sábado o II ForoTelecos Galicia, o primeiro evento formativo presencial que os enxeñeiros de telecomunicacións celebran a nivel nacional tras a aparición da COVID-19, no que mediron os avances, proxectos e expectativas do sector a través de xornadas técnicas, premios de recoñecemento e presentacións.
A cita comezou cun evento formativo presencial que contou con tres relatorios técnicos. O primeiro deles impartido polo secretario técnico do COITT, Luís Miguel Chapinal, presentouse o anteproxecto de Lei Xeral de Telecomunicacións. A continuación, Optare Solutions presentou un relatorio sobre a 5G e tecnoloxías habilitadoras: evolución, aplicación e ámbito social. O terceiro relatorio, a cargo de Televés, versou sobre o Complemento de cobertura 5G no interior dos edificios.
Ao acto inaugural acudiu o decano do Colexio Estatal, o secretario xeral de Planificación e Xestión do Espectro Radioeléctrico, Antonio Fernández-Paniagua, os decanos dos diferentes Colexios de Telecomunicacións de España e o alcalde de Arnoia, Rodrigo Fernández Aparicio.
Antes da entrega dos recoñecementos a entidades e profesionais, o decano de COETTGA, José Manuel Martínez, dirixiu unhas palabras para reivindicar a presenza e visibilización dos enxeñeiros técnicos en telecomunicacións naquelas esferas públicas que teñen que adaptarse á dixitalización e novas tecnoloxías, ademais da gran capacidade de traballo que demostrou o colectivo durante a pandemia.
Así mesmo destacou a necesidade de novos talentos no campo da enxeñería e a presenza da muller no sector xa que só representan o 25% das persoas matriculadas nalgunha rama de enxeñería nas universidades.
Pola súa banda, o presidente do COITT, Mario Cortés, sinalou a calidade do servizo de telecomunicacións que se mantivo durante toda a pandemia e que os acontecementos fixeron que a profesión se puxese en boca da sociedade e os medios de comunicación.

Premios Enxeño 2020. Recoñecementos a entidades e profesionais do ramo

A continuación, realizouse a entrega dos Premios Enxeño 2020, unha segunda edición de galardóns que recoñece a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das Telecomunicacións:
— Premio Enxeño 2020 Empresa Líder no Sector para Optare Solutions, recolleu o premio o seu CEO Luís Álvarez Sestelo.
— Premio Enxeño 2020 Proxección e Crecemento a Fibralar, recolleu o premio o seu CEO, Rafael Fernández.
— Premio Enxeño 2020 pola Innovación e a Difusión das Tecnoloxías a CRTVG, recolleu o premio a director da área de Innovación e Negocio, José Pereira.
— Premio Enxeño 2020 a Toda Unha Vida a Jorge Raúl Carollo Barral pola súa gran traxectoria profesional coa súa participación en máis de 750 proxectos que constitúen un exemplo para todos os enxeñeiros de telecomunicacións.
— Premio Enxeño 2020 Enxeñeiro do Ano pola súa gran actividade laboral e unha traxectoria impecable a Carlos Balsa.
O acto clausurouse coa intervención do Subdirector Xeral de Planificación e Xestión do Espectro Radioeléctrico, Antonio Fernández-Paniagua, que felicitou ao sector polo seu extraordinario labor realizado durante a pandemia e falou dos importantes retos que teñen por diante como son: unha nova Lei Xeral de Telecomunicacións e unha Lei Xeral de Tecnoloxías 5G. Tamén destacou o reto de expansión por todo o territorio nacional da banda larga, incluídas as zonas rurais, antes de 2025.

PUBLICIDADE