Os enxeñeiros informáticos galegos achéganse ao pleno emprego, malia á crise
venres, 23 de abril do 2010
A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, encargada de
velar polo bo funcionamento das nosas universidades, vén de presentar os
resultados dun estudo que realizou recentemente sobre a situación laboral dos
estudantes de Enxeñarías en Informática no noso país, e os datos extraídos do
mesmo semellan bastante positivos para o sector, posto que indican que este colectivo profesional goza dunha situación
laboral “moi favorable, aproximándose ao
pleno emprego”.
Así o confirma o informe extraído do estudo que, baixo o nome, A
Situación Laboral nas Enxeñarías en Informática de Galicia, foi presentado hoxe nun acto
presidido pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar
Pereira.
O informe consta de dous tomos: o tomo I refirido á Enxeñaría en
Informática, e o tomo II sobre a Enxeñaría Técnica en Informática; cada un dos
cales se estrutura en tres capítulos.
A enquisa,
realizada entre 551 persoas tituladas en Enxeñaría Informática e Enxeñaría
Técnica Informática nas Universidades de Galicia, expón aspectos da súa
formación e inserción laboral, da mobilidade, do grao de satisfacción persoal
coa profesión así como das súas expectativas profesionais.
A
caracterización sociodemográfica que ofrece esta investigación revela que as
persoas tituladas nas Enxeñarías en Informática de Galicia son xente nova e,
entre outras características, teñen boas perspectivas para atopar traballo en
Galicia.
Asemade, son
persoas que están moi satisfeitas cos estudos realizados e máis dun 77 por
cento “volverían cursar a mesma
titulación”. A motivación principal para escoller estas titulacións foi a “vocación” (resposta maioritaria entre os
homes) e as “saídas laborais”
(resposta maioritaria entre as mulleres). As Universidades galegas acadan unha
valoración positiva en canto á formación impartida a estes titulados,
especialmente no que se refire á formación teórica, e en menor medida a
formación práctica e á adecuación entre os coñecementos técnicos e as
esixencias profesionais.
No relativo á
situación laboral, que adiantabamos que era moi favorable, podemos engadir que,
como dato sorprendente dadas as circunstacias desta desta crise mundial que
afecta a tódolos sectores, o 94,8
por cento das persoas tituladas en Enxeñaría en Informática e o 86,2 por cento
en Enxeñaría Técnica en Informática atópanse traballando, desenvolvendo o seu
labor profesional principalmente por conta allea.
Asemade, un 81,2
por cento das persoas tituladas en Enxeñaría Informática e un 72,9 por cento en
Enxeñaría Técnica Informática atopan o primeiro emprego nos tres primeiros
meses do comezo da busca, e do redor do 40 por cento das persoas tituladas en
Enxeñaría Informática acceden ao mercado laboral antes de rematar a carreira,
traballando en algo relacionado co título estudado.
Este estudo
sobre A Situación Laboral nas Enxeñarías en
Informática de Galicia, forma parte dunha serie de observacións temáticas,
realizadas por grupos de expertos en colaboración co Observatorio da Sociedade
da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), e distribúese libremente
na Rede baixo licenza Creative commons dende a web do Observatorio.