Os enxeñeiros de Telecomunicación premian unha tese da UVigo como a mellor de España en aplicacións espaciais

martes, 4 de agosto do 2020 S. P.

Os Premios Enxeñeiros de Telecomunicacións, convocados polas entidades estatais COIT (Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación) e AEIT (Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación), recoñeceron na súa XL edición o traballo recente do investigador galego Anxo Tato, da Universidade de Vigo. Concretamente, distinguiron a súa tese de doutoramento (dirixida polo profesor Carlos Mosquera) como a mellor contribución en Aplicacións Estatais (premio Hisdesat). Aos galardóns concorreron 75 traballos, entre proxectos fin de carreira, fin de mestrado, teses de doutoramento, etc. Entregáronse 19 galardóns a outras tantas investigacións, cuxos autores e autoras recibirán 2.000 euros, un diploma, ademais de quedar exentos de pagara as cotas do COIT os anos 2020 e 2021.
Anxo Tato, que o pasado mes de xuño incorporouse a Gradiant (o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), presentou a súa tese en decembro do ano pasado baixo o título Link Adaptation Techniques for Future Terrestrial and Satellite Communications. O seu traballo ten como obxectivo principal a investigación de técnicas de adaptación de enlace para as comunicacións terrestres e por satélite futuras. “Estas técnicas consisten en algoritmos para variar automaticamente os parámetros de transmisión da capa física dun sistema de comunicacións co fin de adaptarse a unha canle variante co tempo. O seu propósito último é lograr unha comunicación de fiar adaptando automaticamente o bitrate, ao tempo que se optimiza o uso do espectro, maximizando a capacidade do sistema”, explica o investigador sobre o seu traballo co que se pretende escoller o nivel de protección óptimo da información que envía un transmisor, suficientemente robusto, “para que a información chegue ao seu destino, pero o máis eficiente posíbel, para ofrecer aos usuarios a máxima velocidade binaria que o canal de comunicacións permite”.
Así, na súa tese Tato propón diferentes algoritmos para comunicacións satelitais fixas e móbiles e para redes celulares 5G e máis aló de 5G. “Estes algoritmos traballan na capa máis baixa dos protocolos OSI e serven para adaptar de forma automática a velocidade binaria dun transmisor. Van escollendo en cada momento os parámetros básicos do sinal transmitido, como poden ser a modulación e a codificación, para ofrecer sempre a maior velocidade. Esta adaptación realizámola con diferentes técnicas, entre as cales exploramos tamén algoritmos de Intelixencia Artificial”, detalla o autor da tese premiada.

PUBLICIDADE