Os encontros virtuais coa arte do Concello de Brión acadaron unha audiencia de máis de 45.000 persoas

xoves, 30 de xullo do 2020 Sonia Pena

O Concello de Brión fixo reconto dunha actividade cultural e dinamizadora que organizou nas redes para, por unha banda, favorecer a seguridade das e dos participantes e, pola outra, botar abaixo todo tipo de barreiras físicas. Estamos a falar dos XV Encontros coa Arte de Brión, que este ano tiveron lugar a través de Facebook. Participaron 22 artistas e acadaron unha audiencia de máis de 45.000 persoas, concretamente 45.112. Esta convocatoria pasará á historia por ser a primeira que se celebra unicamente nas redes sociais, xa que as xornadas presenciais tiveron que ser canceladas debido ás medidas de prevención tomadas para previr a expansión da COVID-19.
Foi, polo tanto, un encontro virtual que se estendeu no tempo máis de catro semanas e no que participaron 22 artistas de Galicia e España, e mesmo de países coma Venezuela, que achegaron imaxes e vídeos das súas creacións de pintura, escultura e fotografía.
As 26 publicacións realizadas a través da fan page do Concello de Brión en Facebook chegaron a 45.112 persoas. A publicación máis seguida foi a da acuarela As Torres de Altamira, do pintor José Antonio Regidor, con 2.855 seareiros, aos que cómpre engadir os 2.313 seguidores do vídeo de explicación da obra. Un escultor, Tino Canicoba, e o pintor de Ribeira Manuel Ayaso, completaron o podio de entradas con máis seguidores, ambos por riba dos 2.300.
Así, estes XV Encontros coa Arte de Brión contaron coa participación de José Galarzo San Sebastián, Chelo Rodríguez Domínguez, Laureano Vidal, Antón Sobral Iglesias, Xosé Vázquez Castro, Rafael Arroyo, Jaime Galdeano Moreno, José Ysmér, Camilo Rodríguez Vidal, Frutos Casado de Lucas, Manuel Ayaso, Paco Casal, Xosé Vizoso, Tino Canicoba, María Xesús Díaz, Javier del Valle Schaan, Beatriz Ansede Bonome, José Luís Veiras Manteiga, Ricardo del Arce Bilbao, Yolanda Carbajales Ferreiro, Enrique Ochotorena, José Galarzo e José Antonio Regidor.

PUBLICIDADE