Os encontros Betabeers Galicia estréanse na Coruña
xoves, 14 de xuño do 2012
- Xavier Castaño explicou o modelo de negocio e a filosofía de Igalia no encontro que tivo lugar esta tarde na Coruña
Esta tarde a sede coruñesa da Escola de Negocios
Novacaixagalicia deu acubillo á primeira edición de
Betabeers Galicia, encontro para desenvolvedores web e de aplicacións
móbiles que tras pasar por Madrid, Barcelona, Murcia, Bilbao e Salamanca que a
partir de agora procurará trasladarse a distintas cidades galegas cunha
periodicidade mensual, grazas á coordinación de Reinaldo Aguilera, confirmándose que a seguinte edición terá lugar en Vigo
o vindeiro 12 de xullo.
O formato dos encontros Betabeers está composto normalmente por un obradoiro de
35 minutos, seguidos de 15 minutos para preguntas aos que poderán acompañar
presentacións de proxectos en 10 minutos con 5 minutos para preguntas. Nesta
ocasión o relatorio principal recaeu en Xavier
Castaño de Igalia, a quen seguiron as presentacións de Galicia en Coworking e nubeOffice (aproveitando este último para
presentarse aos asistentes como unha oportunidade de desenvolvemento de
software baixo tal plataforma baseada en EyeOS).
- Xavier Castaño falou sobre Igalia na primeira edición de Betabeers Galicia
Durante o seu relatorio, Xavier Castaño explicou a historia de Igalia, empresa
de software libre que celebrou hai pouco os seus 10 anos de vida, e que é todo
un exemplo de como é posible facer negocio cos desenvolvementos abertos. Castaño
explicou que a súa compañía está baseada en 3 piares diferenciais: o software
libre, a estrutura horizontal e a responsabilidade social. Esta filosofía conta
con respaldo dos moitos socios que forman a empresa, facendo factible unha
estrutura de pirámide invertida na que os traballadores pasan en pouco tempo a
converterse en socios, pasando a vivir a compañía como súa, o que claramente
non é unha opción apta para calquera traballador, pero que resulta moi atinada
para que teña espírito emprendedor e que comparta os valores dos integrantes de
Igalia e moitos outros socios de AGASOL.
Xavier Castaño tamén repasou os numerosos servizos que ofrece Igalia, abarcando
ámbitos moi diversos que van dende o desenvolvemento do núcleo dun sistema
operativo ata na implantación dunha solución ERP. Tamén incidiu no feito de que
un 70% dos clientes de Igalia son outras empresas de tecnoloxía (entre as que
figura Nokia, compañía para a que fixeron numerosas achegas ao sistema
operativo Maemo) e incluso citou a xeito de curiosidade que na actualidade son
a terceira empresa en volume de contribucións ao popular motor para navegadores
web WebKit, por detrás só de Google e Apple, polo que sería “a primeira que pode subcontratarse”,
comentario co que o socio e co fundador de Igalia gañou a complicidade dos
asistentes.
- Máis de 30 persoas acudiron á cita de Betabeers Galicia
- Os presentes podían interactuar cos relatores dun xeito bastante orixinal
- Durante o encontro presentouse a nubeOffice como unha interesante plataforma na que realizar desenvolvementos