Os empresarios de Ferrolterra e CVtic amosan como protexer as nosas empresas na era dos móbiles

luns, 16 de maio do 2016 Redacción

A Asociación de Empresarios Ferrolterra, en colaboración con CVtic, organiza esta semana (o 19) un seminario de gran interese para os profesionais da contorna ferrolá que queiran pór en práctica medidas que salvagarden a información de seu con respecto ao uso de novas tecnoloxías e trebellos. Máis en detalle, a Xornada Seguridade de dispositivos móbiles na empresa convócase co obxectivo de informar sobre as diferentes ameazas e riscos que rodean o noso xeito actual de comunicármonos e, tamén, sobre os mecanismos de control útiles para facermos o uso máis seguro posíbel dos dispositivos. A xornada está deseñada principalmente para os empresarios/directivos das empresas usuarios destes dispositivos e usuarios en xeral.
Os contidos virán da man de Carlos Vila Martínez, técnico especialista en informática de xestión, consultor e formador TIC, amais de perito informático membro do COP, é cofundador e director de consultoría tecnolóxica CVCtic. A xornada desenvólvese este xoves 19 en horario de 18:00 a 19:00 horas nas instalacións da Asociación de Empresarios Ferrolterra. A sesión será de balde, pero é preciso que nos inscribamos previamente para asistir. Podémolo facer a través da conta de correo info@empresarios-ferrolterra.org.

PUBLICIDADE