Os dominios .gal reducen o seu prezo durante o mes de maio para celebrar as Letras Galegas

luns, 4 de maio do 2015 Marcus Fernández

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas e o Día das Telecomunicacións e a Internet o vindeiro día 17, dende a Asociación PuntoGal decidiron organizar unha campaña de promoción para o dominio galego de Internet, para animar ao seu rexistro grazas a unha rebaixa de máis do 50%, de xeito que os rexistradores adheridos a esta acción permitirán a adquisición dun dominio .gal por un prezo máximo de 25 euros + IVE até o 31 de maio.
O dominio .gal está a piques de superar os 2.000 rexistros, entre os que figuran institucións, entidades sen ánimo de lucro, empresas e particulares, sendo de agardar que a promoción do mes das Letras contribúa a mellorar o número de rexistros.
Quen queira aproveitar esta oportunidade pode visitar o espazo sobre a mesma na páxina web do dominio .gal, no que dan conta dos rexistradores que se acolleron á promoción ofrecendo prezos de rexistro de entre 20,95 e 24,99 euros + IVE, como serían Dinahosting, CDmon ou 1&1.
Nestas datas a Asociación PuntoGal tamén procurará a súa promoción a través de distintos medios de comunicación, o que agárdase que contribúa a mellorar o nivel de coñecemento deste sufixo na Internet, de xeito que se mellore o seu nivel de uso e poida converterse en toda unha bandeira da sociedade galega na Rede.

PUBLICIDADE