Os dispositivos Nest Hub comezan a reproducir contidos de Netflix

martes, 21 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Dentro da liña de dispositivos conectados con altofalante que integran o Asistente de Google os que parecen menos populares son os que tamén inclúen pantalla, dos que en España temos o Nest Hub na súa versión con pantalla táctil de 7 polgadas (o modelo con pantalla de 10 polgadas e cámara para videoconferencias aínda non está dispoñible) que serve basicamente para realizar consultas mediante a voz, empregar a domótica doméstica, reproducir música, operar a xeito de marco dixital, consultar o calendario e o prognóstico do tempo e incluso guiarnos para facer receitas (principalmente a través de vídeos de YouTube), ou sexa, que unha das estancias nas que resulta ideal é a cociña, onde tamén pode agradecerse a a nova prestación que está a recibir o Nest Hub: a posibilidade de acceder a Netflix.
Deste xeito, as pantallas conectadas de Google xa non limitan a reprodución de vídeo a YouTube, senón que tamén funcionan con Netflix, unha das plataformas de vídeo baixo demanda máis populares a nivel mundial, axudando así a amenizar a cea ou acompañar mentres limpamos a cociña. As películas e series de Netflix están dispoñibles tanto invocando á aplicación de Netflix e utilizándoa mediante a pantalla táctil ou solicitando directamente o contido que un desexa ver.

PUBLICIDADE