Os discos duros reforzados de LaCie, tamén en tamaño portátil

martes, 19 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Para os usuarios máis viaxeiros LaCie hai tempo que ten discos duros portátiles reforzados para soportar golpes e caídas, e para mellorar a súa portabilidade chega agora o modelo LaCie Rugged Mini, cunhas medidas de 86 x 135 x 19 milímetros, un peso de 240 gramos e conectividade USB 3.0 (compatible con USB 2.0). Esta unidade é resistente a golpes (soportando caídas dunha altura de ata 1,2 metros), á choiva e á presión (ata 1 tonelada), pode protexerse con contrasinal (con cifrado AES de 256 bits, compatible tanto con Mac OS coma con Windows), e está dispoñible en capacidades de 500 Gb e 1 Tb por 109,90 e 159,90 euros respectivamente (en breve estará dispoñible unha versión da unidade de 500 Gb que por 10 euros adicionais pasar dunha velocidade de 5.400 rpm a 7.200 rpm).
Esta unidade tamén inclúe software para facilitar a realización de copias de seguridade e de almacenamento seguro na Internet en Wuala (servizo que ofrece 10 Gb de almacenamento de balde durante un ano).

O reducido tamaño desta unidade da familia Rugged facilita o seu transporte


Vídeo de presentación do LaCie Rugged Mini

PUBLICIDADE