Os desafíos de YouTube na educación, ao detalle nunha conferencia no Burgo

xoves, 9 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

A vertente coruñesa da asociación Anhida, centrada en achegar recursos de desenvolvemento para nenos con hiperactividade ou déficit de atención, vai organizar o vindeiro 16 de agosto unha charla moi indicada para todas as familias nas que hai presenza de internautas novos, ben sexan usuarios das redes sociais ou, tamén, contribuidores de comunicación e contidos. A charla vaise desenvolver baixo o epígrafe Mamá quero ser youtuber e o seu obxectivo é guiar ás nais e aos pais nos desafíos que achega Internet na educación. A cita é no Burgo ás 19.00 horas, de balde e no Edificio de Servizos Múltiples.
Os relatores serán dous membros do equipo de profesionais de Anhida Coruña, Raúl Taboada e Juan Ramos. Na conferencia, segundo adianta a organización, profundarase en todo o relacionado coa rede social YouTube e co fenómeno youtuber, e tamén con todos aspectos que se derivan da concorrencia activa de persoas cos devanditos trastornos no dito servizo dixital: autoestima, circuítos de recompensa (alterados en persoas con TDAH), aprendizaxe vicario, diferenzas e semellanzas entre endogrupo e exogrupo, etc. Anhida Coruña avanza que “todas estas explicacións con base científica serán tratadas para que tódolos asistentes entendan o que lles está pasando a eles mesmos, as súas fillas, familiares ou amigas”.
A conferencia está pensada para que poidan asistir rapazas e rapaces a partir de 12 anos, nais e pais de fillos con ou sen TDAH (Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade), e tamén mestres e profesores que queiran comprender o que acontece co seu alumnado e co YouTube.

PUBLICIDADE