Os creadores de Titanfall estrean un xogo para competir con Fortnite

luns, 4 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Respawn Entertainment, creadores da franquía Titanfall, vén de sorprender ao mundo ampliando tal universo en novas direccións co lanzamento de Apex Legends, un xogo que dende hoxe podemos descargar de balde para PC, PlayStation 4 e Xbox One, no que semella unha xogada para entrar a competir con fenómeno de 2018, Fortnite.
Respawn leva 2 anos desenvolvendo este novo xogo que perseguía ser o shooter de battle royale máis innovador, divertido e revolucionario até o momento, conscientes de que este xénero non era unha moda pasaxeira, e finalmente decidiron que en vez de lanzar un modo de xogo para Titanfall, tiñan que darlle a Apex Legends unha identidade propia, aínda que bebese do universo que crearon para o seu xogo de mechas nos últimos 8 anos.
Este xogo editado por Electronic Arts ve agora a luz, pero o seu equipo está a traballar en moitos contidos para o mesmo, de xeito que en marzo esteará a súa tempada 1 e o seu correspondente pase de batalla, polo que semella que van procurar replicar a fórmula de éxito de Fortnite aproveitando que os xogadores están afeitos á mesma.
En Apex Legends poderemos crear o noso equipo (elixindo á nosa lenda e combinando as súas habilidades únicas coas doutros xogadores para crear o equipo definitivo), a estratexia terá un importante peso nas partidas battle royale, contaremos con innovacións neste xénero (balizas de reaparición, comunicacións eficientes, inventario intelixente e un novo xeito de saltar á acción co despregamento cun líder de salto) e tamén poderemos xuntar potentes armas, accesorios variados e útiles armaduras para a batalla (así como equipar aos personaxes con numerosos aspectos visuais para destacar nas partidas).
Será quen Respawn Entertainment de desbancar a Fortnite? Lembremos que con Fortnite Epic Games conseguiu superar sobradamente ao battle royale que puxo de moda o xénero, PUBG, polo que sería comprensible que puidese padecer en carnes propias algo semellante, aínda que as dimensións actuais de Fornite son tan grandes que non parece probable que o seu ocaso estea próximo.

Tráiler de lanzamento de Apex Legends

PUBLICIDADE