Os creadores de ConxuGalego lanzan o TradutorGalego para Android
xoves, 15 de decembro do 2011
O equipo creador do ConxuGalego e o DicionarioGalego
ten entre mans unha nova aplicación que dar a coñecer. Trátase da aplicación
TradutorGalego para Android, unha ferramenta que permite traducir textos do
galego ao español, catalán, inglés ou francés, e viceversa. Constitúe, segundo
nos contan os responsábeis do seu
desenvolvemento, “a primeira
aplicación deste tipo, sobre todo tendo en conta que está orientada e centrada
no galego”. É unha ferramenta de balde, e posibilita a tradución de
palabras e textos de até 2.500 caracteres.
Ademais, informa o equipo creador deste
recurso (integrado por Sabela Barreiro,
Xurxo Méndez e Juan Porta), inclúe
unha función de ditado, coa que os usuarios da aplicación non teñen nin sequera
teñen que escribir os textos, senón que os poden dicir en voz alta. O
recoñecedor automático de fala do dispositivo transcribirá o que diga, e cun só
click, obterá a tradución.
Tamén permite copiar textos de calquera páxina
web visitada dende o teléfono e pegalo para traducilo de maneira directa,
contan.
Como dixemos, trátase da terceira aplicación sobre a lingua galega que
publican Sabela, Xurxo e Juan nos últimos 30 días, tras ConxuGalego e DicionarioGalego.
Ao seu xuízo, a aplicación TradutorGalego pode ser de “gran utilidade, sobre todo a nivel educativo, e entendemos tamén que
supón o achegamento das novas tecnoloxías á lingua galega”. Así, as tres
aplicacións xuntas “constitúen, dalgún xeito,
unha unidade, unha especie de suite de
aplicacións da lingua galega para o móbil”. Por isto, decidiron xuntalas de
xeito conceptual no que se deu en chamar GalApps: toda a lingua galega no teu peto.
- Imaxes da aplicación para Android