Os creadores de Cabozo desenvolven unha plataforma para compartir contidos na web

martes, 2 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Colashme pode empregarse de xeito anónimo ou identificándonos coa nosa conta de Facebook

Os pais de Cabozo, os galegos Antonio Mariño e Ángel Folgueira, desenvolveron unha nova plataforma para compartir contidos na internet dun xeito moi visual e sinxelo que permite difundir novas, fotografías, vídeos... sen precisar de identificarse (aínda que os usuarios que fagan tal aproveitando a súa conta de Facebook terán dispoñibles algunhas funcións adicionais). Deste xeito, con só acceder á páxina web de Colashme, e sen realizar ningún tipo de rexistro, podemos ver os contidos dispoñibles en Colashme, compartilos a través das nosas redes sociais, votar se gustamos ou non dos mesmos... mentres que para engadir material ao sistema podemos facer uso unha extensión para o navegador web Google Chrome que permite compartir contidos cun par de clics.
Podemos entender que Colashme é un agregador social para recomendar contido web a través das súas imaxes, unha especie de escaparate virtual composto polos seus usuarios, e pensado para o seu uso dende o navegador web de Google (que por outra banda é un dos máis empregados da nivel mundial). Segundo os responsables de Colashme, o anonimato é unha das fortalezas deste novo servizo que destacará na súa portada os contidos que consigan unha mellor resposta social (sen ningún tipo de xerarquía de usuarios).

Compartir novas en Colashme serve para achegar visitas a medios e páxinas web

Para páxinas web e medios de comunicación non deberían de sentirse ameazados por un servizo deste tipo, que aínda que tire proveito de contidos alleos, faino dun xeito respectuoso, limitando o extracto de novas ao seu titular e establecendo sempre unha ligazón á súa fonte, o que pode potenciar o tráfico cara a estes contidos. Ao limitar a interacción dos contidos a simples votos, tampouco se establece como un sistema de comentarios paralelo, como fan outras plataformas de edición non xerárquica.
Colahsme está dispoñible polo momento en español, por non estar dirixido unicamente ao público galego, aínda que non desbotan a posibilidade de ofrecelo noutras linguas ou incluso crear unha versión propia para Galicia.

PUBLICIDADE