Os contidos informativos da TVG teñen un novo fogar: G24.gal

mércores, 27 de outubro do 2021 Marcus Fernández

A Televisión de Galicia centralizou os seus contidos informativos na Rede baixo a marca G24 hai un par de anos, o que basicamente limitábase a Twitter, Facebook e Instagram, xa que na web mantiñan os contidos baixo o dominio crtvg.es, algo que muda hoxe coa estrea efectiva do dominio G24.gal, que convértese na nova páxina web de informativos da Galega, buscando ser máis accesible, máis intuitiva e máis visual, con máis seccións, mellor navegabilidade e incluso unha versión móbil máis simple e sinxela.
En G24.gal podemos atopar as novas repartidas nas seccións de Política, Economía, Sociedade, Deportes, Cultura e O Tempo, con ligazóns aos directos da TVG e da Radio Galega. Na súa portada tamén destacan contidos orientados á Rede como #DígochoEu e #MenosDunMinuto.
Tamén podemos destacar que o reprodutor de vídeo integrando no novo espazo web inclúe funcións tan prácticas como o Picture-in-Picture (para poder reproducir o contido nunha fiestra flotante) e a retransmisión a través de Google Cast (especialmente interesante se queremos compartir en pantalla grande unha nova que estamos a ver no móbil).

PUBLICIDADE