Os consumidores recomendan cautela e uso responsábel da Internet no Día da Protección de Datos

luns, 28 de xaneiro do 2013 Redacción

Este luns 28 celébrase a nivel estatal a vinte edición do Día da Protección de Datos, cousa que xa avanzamos os días pasados da man do CPEIG, que non quixo desaproveitar a ocasión para recordarlles aos poderes públicos a necesidade de comprometérense a prol de salvagardar aos cativos e aos adolescentes dun acceso sen control ás novas tecnoloxías da información. Pois ben, comezamos o 28 de xaneiro con máis chamamentos. Concretamente o da Asociación Xeral de Consumidores, ASGECO Confederación, que con motivo da dita celebración (ou chamada á reflexión) emitiu unha proclama aconsellando facer un emprego responsábel da Internet e apostar por difundir con cautela os nosos datos persoais.
Para a dita entidade de consumidores, está claro que a privacidade e a seguridade en Internet é unha preocupación cada vez maior para os usuarios, e é lóxico que así sexa, nestes tempos en que se dispara (sobre todo entre as novas xeracións) o uso xeral de motores de procura, redes sociais, foros e móbiles con conexión á Rede, todo isto “ofrecendo múltiples vantaxes” pero achegando potencialmente unha serie de riscos. Riscos que, por certo, non son diferentes dos que podemos atopar na vida real, off line, onde decote mantemos a garda para protexer información privada cunha serie de accións que tamén deben ser aplicábeis, por ser de sentido común, a Internet.
A xuízo de ASGECO, “non debemos deixar de ter presente que, como sistemas de transmisión global, as ferramentas dispoñibles en Internet deben utilizarse con cautela”. Para fortalecer a súa mensaxe, a asociación escolmou este luns unha serie de recursos publicados no seu seo acerca de cuestións como as mellores medidas tomar polos pais e nais no camiño dun uso máis seguro da Internet entre os seus fillos, os pasos a seguir para protexermos os nosos datos persoais ou os métodos para evitarmos a práctica do phishing.

PUBLICIDADE