Os concellos de Arousa Norte desenvolven un mapa emocional das súas rutas de sendeirismo

martes, 15 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía non ten porqué ser só tecnoloxía. Ou sexa, que é certo que detrás das redes hai unha serie de aparellos, ferramentas e programas que teñen en aparencia pouca relación connosco e máis polo miúdo co que sentimos, pero se afondamos na cuestión veremos que é probable que deixemos un pouco de nós con cada experiencia dixital que nos sae ao paso. Así, a nosa visión muda con cada web que visitamos, e o mesmo pasa co que se sente con cada chamada de teléfono.
Tirar proveito destas conexións entre o emocional e o tecnolóxico e máis concretamente das ligazóns entre dispositivos GPS, paisaxes, rutas, mapas de xeolocalización e (por suposto) usuarios é un dos obxectivos dun proxecto tecnolóxico-cultural posto en marcha esta semana na comarca de Arousa Norte (concellos de Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal e Ribeira).
Esta iniciativa, que xorde do Bio Mapping ideado polo artista inglés Chirstian Nold (quen acudirá para ver in situ o desenvolvemento do proxecto), conta coa achega tecnolóxica da firma galega AVA Solucións Tecnolóxicas, con sede en Santiago.
A proposta, chamada “Proxecto MET (Mapa Emocional Turístico)” consiste en pór en marcha un sistema de análise do comportamento emotivo en función dos estímulos externos que recibe a persoa nun intre e lugar determinados. No caso concreto do eido de Arousa Norte, mesturando cultura, natureza e máis tecnoloxía, o sistema estase xa a aplicar na dixitalización e rexistro de datos vinculados a catro rutas de sendeirismo da Mancomunidade dos ditos concellos. Ou sexa, que coa axuda dun GPS, os participantes na iniciativa (que se está preparar até no máis pequeno detalle ao longo desta semana) non só deixarán constancia do que ven, senón tamén do que senten, tirándose partido da súa resposta emocional para configurar un mapa dixital que vaia alén do puramente físico.
Cómpre sinalar que para deixar constancia dos ditos datos, os sendeiristas carretarán un dispositivo activo que amorea a información recollida a través do contacto coa pel. Segundo sinala Víctor López, da empresa AVA Solucións, o sistema opera deste xeito: “En función do punto no que se atope o participante na ruta, este manifestará unhas reaccións emotivas positivas ou negativas, que se traducirán en valores, estes datos xunto cos facilitados polo equipo de localización GPS, permitirán a realización dun mapa en dúas ou tres dimensións onde se poderá visualizar dun xeito “xeolocalizado“ a información recollida durante o percorrido”.
O concello que alberga estes días o centro de operacións do proxecto é Boiro, a través do seu Centro Social. Con todo, cada un dos termos municipais terá o seu campamento auxiliar ao longo desta semana. As rutas levaranse a cabo durante un máximo de dúas horas, sendo a versión reducida das catro que ten habilitadas a Mancomunidade (PR-G15, PR-G90, PR-G92; PR-G91).
A de Ribeira desenvolveuse xa este luns, estando o seu campamento auxiliar situado no Conservatorio. Mentres que o día 15 farase na Pobra do Caramiñal onde o campamento auxiliar estará no Centro de Atención Integral á Discapacidade. Xa para a xornada do 16 será a ruta por Rianxo, que terá o campamento auxiliar na Casa da Cultura, sita na praza do Concello .E por ultimo en Boiro, o día 17. Nestes emprazamentos, os participantes levarán a cabo a súas entrevistas e intercambio de información.
Finalmente, e co obxectivo de poñer en valor as rutas de sendeirismo, recolleranse as conclusións da iniciativa, así como as ideas que permitan revalorizalas a través da definición de novos usos. Ademais, informan os organizadores, seleccionaranse vinte ideas de intervención artística, cultural, deportiva e/ou medioambiental achegadas polos propios participantes. Os itinerarios a percorrer serán treitos dos orixinais, rutas de dúas horas polos catro concellos de Mancomunidade.

PUBLICIDADE