Os concellos da ría de Muros e Noia estrean páxina web turística

venres, 24 de marzo do 2023 S. P.

A ría de Muros Noia conta dende este venres 24 de marzo cunha renovada e ampliada páxina web, destinada a facilitar o contacto permanente dos internautas, estean onde estean, coa totalidade do sector turístico da comarca e cos seus múltiples tesouros naturais, paisaxísticos e culturais. O sitio www.riademurosnoia.com foi dado a coñecer este venres por Teresa Villaverde, presidenta da ARD Ría de Muros Noia e alcaldesa de Lousame.
Teresa Villaverde fixo fincapé na funcionalidade da nova web, que será unha canle de referencia dos concellos que integran a ría (Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son) e das súas empresas e entidades turísticas coa comunidade de viaxeiros do mundo. Tamén puxo o foco na intranet da web, que permitirá ofrecer aos turistas “unha información actualizada e atractiva sobre este destino turístico” e “a propia información dos establecementos hostaleiros, de restauración e de turismo asociados”.
“Poremos en marcha listas de distribución de WhatsApp, correos electróincos e a propia intranet da web para que a comunicación cos distintos actores turísticos da nosa contorna sexa o máis fluída posíbel”, asegurou Teresa Villaverde, quen aproveitou tamén para agradecer o traballo realizado polas empresas que desenvolveron o sitio e polas numerosas persoas que colaboraron na recollida dun gran volume de información e contidos para a páxina.
Tres seccións
O novo site está estruturado en tres seccións principais. A primeira é a Sección Profesional, que inclúe unha intranet privada para as comunicacións entre as entidades do sector turístico da ría. A maiores, inclúe o tradicional apartado institucional no que se inclúen información sobre a ARD ría de Muros Noia (composición, estatutos, convenios, actas das asembleas...) e unha sala de prensa con información sobre a asociación e materiais gráficos para os medios de comunicación.
A segunda sección está dedicada ás Redes Sociais: Instagram, Facebook e YouTube. Unhas redes que cada día consolídanse como as canles máis habituais de comunicación da ría de Muros Noia cos turistas e cos propios veciños e veciñas da comarca.
Finalmente, a terceira sección está orientada directamente a fomentar a chegada de turistas e visitantes. Unha sección que estará en permanente actualización para ofrecerlles propostas diferentes para visitar o destino, dende recomendacións para cada época do ano ata consellos para planificar a estancia na zona: como chegar, onde durmir, onde xantar e un directorio de teléfonos de utilidade.
A maiores, a web actualizarase continuamente con ideas para Que facer na visitas, incluíndo un Top 10 coas propostas estrela seleccionadas dos distintos municipios, un apartado de rutas de sendeirismo e BTT, un detallado percorrido polas praias, miradoiros e todo o que se pode facer sobre a ría. Todo isto complementarase con información individualizada sobre os atractivos turísticos de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son.

PUBLICIDADE