Os clásicos Doom e Doom II reciben novas características

venres, 10 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

No mes de marzo verá a luz Doom Eternal, a quinta grande entrega da franquía de xogos de acción en primeira persoa pioneira do seu xénero, pero iso non quere dicir que as entregas anteriores fosen abandonadas, xa que o pasado verán, para celebrar o 25º aniversario da saga, relanzáronse as súas 3 primeiras entregas para sistemas actuais.
O máis sorprendente do relanzamento das primeiras entregas de Doom é o coidado co que se fixo, pois non só incluíron numerosos contidos, senón que están a recibir soporte até o punto de que prepararon unha actualización de Doom e Doom II que incluirá novas características para todas as plataformas.
A actualización dos xogos incorpora o soporte de complementos, de xeito que será posible engadir episodios e megawads desenvolvidos pola comunidade (incluíndo SIGIL) completamente de balde, soporte nativo de gráficos a 60 imaxes por segundo (os xogos orixinais estaban limitados a 35 imaxes por segundo) de xeito que as partidas experiméntanse dun xeito máis fluído, e tamén incorpórase unha función de gardado rápido (premendo tres botóns á vez podemos gardar a nosa posición actual).

Tráiler do relanzamento dos tres primeiros xogos de Doom

PUBLICIDADE