Os centros tecnolóxicos de ATIGA afiánzanse no vieiro do crecemento

venres, 18 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Comezou o ano da mellor maneira para ATIGA (Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia), a fronte común de apoio innovador ao empresariado galego integrada polo Centro Tecnolóxico Gradiant, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG e EnergyLab. Segundo puidemos saber, os centros tecnolóxicos de excelencia que constitúen a alianza consolidaron o seu crecemento en 2018. Ademais, o investimento conxunto en 2018 en novo equipamento científico-tecnolóxico superou os 8 millóns de euros.
As cifras e fitos foron dados a coñecer este semana polo propio presidente de ATIGA, Juan Manuel Vieites, que detallou que a tendencia ao medre abrangue os principais indicadores de actividade, ingresos, proxectos e clientes. Segundo engadiu, “este crecemento susténtase nunha aposta decidida pola mellora continua tanto dos centros como da Xunta de Galicia”.
Respecto do devandito investimento de 8 millóns de euros en novos recursos punteiros, o presidente da alianza concretou que se trata de equipamentos de diversa índole, ligados á biotecnoloxía, aos materiais avanzados, ao coche autónomo, á Industria 4.0 ou aos drons. O seu obxectivo común, dixo, é fornecer ás empresas galegas de diversas oportunidades que brindan as tecnoloxías emerxentes e facelas máis innovadoras e competitivas.
ATIGA tamén puxo o foco na importante bagaxe acumulada polos seus centros, un saber facer (un know-how) que se reflicte nas altas valoracións achegadas polos seus case 2.000 clientes e que colle corpo na ampla marxe de operatividade e innovación que adquiren as empresas colaboradoras, en especial PEME, ás que se lles achega a posibilidade de investigar e desenvolver servizos sen adicar recursos dos que non dispoñen, “reducindo desta maneira os riscos”.

PUBLICIDADE