Os centros de secundaria xa poden inscribirse nas Aulas Newton impulsadas pola Tecnolópole, GAIN, FIRST e Boeing

venres, 15 de outubro do 2021 S. P.

A multinacional Boeing e a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, en colaboración coa Xunta de Galicia (a través de GAIN, a Axencia Galega de Innovación) e a Tecnópole de Ourense, poñen en marcha a finais de mes no Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense) a primeira Aula Newton permanente de España. O obxectivo de GAIN coa súa participación neste proxecto é dar un novo paso á hora de estimular as vocacións científico-tecnolóxicas da mocidade, para contar, o día de mañá, “cun capital humano ilusionado e capacitado”.
Esta infraestrutura estará orientada a que estudantes de entre 14 e 16 anos se acheguen ás materias de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM) e que o fagan ademais “dun xeito innovador”, empregando equipos de alta calidade, colaborando, debatendo e divertíndose. A inscrición para os centros de ensino secundario galegos xa está aberta e pode facerse en liña na web das Aulas Newton, onde tamén figura o calendario de actividades e outras informacións.
A Xunta apoia esta iniciativa no marco do programa Voando alto, sumando vocacións do Polo Aeroespacial de Galicia, que busca impulsar o talento xuvenil STEM poñendo o foco no eido aeroespacial, en colaboración coas empresas Boeing, Indra e Babcock, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR).
A Aula Newton móbil que recalou en Lugo en 2019 reuniu a preto de 1200 asistentes.

PUBLICIDADE