Os centros de ensino públicos galegos poderán acceder de balde a Office 365

luns, 10 de xuño do 2019 Redacción

Todos os centros educativos públicos de Galicia terán acceso o vindeiro curso de forma gratuíta á plataforma Office 365 de Microsoft, que inclúe a ferramenta de colaboración Microsoft Teams, beneficiando a máis de 280.000 alumnos e máis de 28.000 docentes que poderán acceder a esta plataforma en galego e español, grazas a un acordo entre a Xunta e Microsoft. Esta plataforma educativa na nube proporciona unha contorna de aprendizaxe segura e innovadora e dota aos alumnos de habilidades dixitais, como a colaboración, creatividade e o pensamento computacional, claves para facer fronte aos requirimentos laborais propios da era dixital.
O acordo de colaboración foi rubricado esta mañá en Santiago, pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; e a presidenta de Microsoft España, Pilar López.
A Xunta e Microsoft tamén colaborarán para completar a formación nos ciclos de Formación Profesional da familia de Informática e Comunicacións, poñendo ao dispor dos 27 centros públicos nos que se imparten estes ciclos, plataformas e ferramentas de Microsoft que permitirán a máis de 3.000 alumnos traballar con programas e aplicacións presentes no mercado e demandados no sector profesional
Adicionalmente, como medida de acompañamento, os máis de 360 profesores destes ciclos de FP recibirán formación especializada, impartida por profesionais de Microsoft en colaboración con partners do ecosistema dixital galego.

Incrementar as competencias dixitais

Durante a súa intervención Carmen Pomar sinalou que un dos eixos do modelo educativo galego é a integración real das TIC no ensino asegurando que «o noso alumnado é nativo dixital e temos a responsabilidade de implantar un ensino tecnolóxico que combine os equipamentos coa adquisición de competencias científicas». Neste sentido lembrou que o seu departamento está a desenvolver a Estratexia STEM para fomentar entre o alumnado galego as competencias en ciencias, tecnoloxía e matemáticas, ao tempo que se procura romper a fenda de xénero nestas vocacións.
En relación ao acordo asinado hoxe, Pomar indicou que vai estimular o desenvolvemento de actividades nas escolas relacionadas coas TIC, ao tempo que se promoven actuacións de formación dos docentes, «posto que eles son o piar básico da comunidade educativa e deles depende o aproveitamento eficaz de todas estas novas ferramentas», engadindo que «estamos a facer unha aposta seria pola educación, para fomentar un factor chave no seu éxito colectivo, o capital humano, conscientes de que unha sociedade formada e informada promove o progreso dun país».
Pola súa banda Mar Pereira afirmou que este acordo «permítenos ampliar o abano de ferramentas ofimáticas coas que traballan os alumnos dos centros públicos galegos e as aulas Abalar, nas que a actividade educativa se desenvolve con ofimática e sistemas operativos de código aberto e súmase ás medias para consolidar unha educación integramente dixital».
Pilar López, presidenta de Microsoft Ibérica sinalou que «este acordo é un magnífico exemplo da importancia de expor esquemas de colaboración público-privados co obxectivo de preparar e capacitar aos estudantes e docentes coas competencias que require a nova Sociedade Dixital».
O acordo asinado esta mañá súmase as medidas da Xunta para consolidar unha educación integramente dixital, que facilite ao alumnado a adquisición das competencias dixitais que require o contexto actual.

PUBLICIDADE