Os cadernos virtuais galegos bulen na carreira polos Premios20Blogs

venres, 12 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Unha de dúas: ou os galegos de verdade estamos a cambiar (valorando máis o noso) ou é que estivo os días pasados por estas terras un organizador dos Premios20Blogs de 20 Minutos convencéndonos a todos de presentarnos a este certame.
Toda esta enleada vén a conto pola abrumadora presenza de cadernos virtuais galegos na listaxe dos máis votados para a categoría de Mellor blog noutras linguas constitucionais distintas do castelán do devandito certame.Cómpre lembrar que este concurso, que está agora na fase dos nomeamentos e das votacións dos internautas, vai orientado a procurar o que sería o mellor blog do ano, neste caso o do que xa se nos foi: 2006.
A día de hoxe, hai xa uns 2.000 presentados, distribuídos en diferentes categorías e nas catro linguas do estado español. Botando unha ollada na listaxe das bitácoras catalás, galegas e éuscaras vemos, como dixemos ó principio, unha nutrida presenza de bitacoreiros da nosa terra, feito que a xuízo de Manolo Gago semella “aunténtico desembarco”.
Aí están ocupando as mellores posicións A Randeeira, Capítulo 0 de Manolo Gago, CINEMA FRIKI, Depósito, De pinchos, enGalego3.0, Fios Invisibles, O blog dos pelachos, UZ, A sombriña Betanceira, Apocalipse do porco, Casa das Letras, Nun mundo de paxaradas II, ou a tola do monte. Isto no que respecta ó ranking de cadernos en linguas distintas do castelán.
Polo que respecta á clasificación xeral, atopamos collendo vantaxe ós seguintes cadernos: Bloggie Du Sanshiro, mi vecina martier, Marta de Esparta, Valencia está de moda e Escribir es vivir. Sexa como sexa, cómpre subliñar que todas estas posicións son abondo provisionais: o proceso de votacións comezou aínda o 8 de xaneiro e queda moito por rañar. Cómpre dicir que o premio ó mellor blog por votación dos bloggers incluirá 3.000 euriños e unha estatuíña.

PUBLICIDADE