Os cadelos robot de Sony poderían volver ao mercado en primavera

luns, 9 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Hai algo máis dunha década Sony era unha compañía moi involucrada na robótica, o que era especialmente visible a través do icónico cadelo robot Aibo, a quen en Galicia coñecemos como Axóuxere nunha exposición itinerante que viaxou por boa parte da nosa xeografía, e dende Nikkei informan de que a compañía vai volver ao sector, xustamente relanzando o seu robot con forma de cadelo a vindeira primavera.
Desta volta o produto vai estar máis relacionado cos sistemas de intelixencia artificial que son tan populares na actualidade, ou sexa, que serían unha mestura do produto orixinal cos actuais altofalantes conectados como o Amazon Echo, de xeito que o robot verá, escoitará e participará en experiencias.
O novo produto pretende abrir un nicho de mercado, o da robótica doméstica, que aínda está emerxendo, polo que conseguir introducirse con éxito podería ter un grande potencial de crecemento, mentres que a robótica industrial xa é un sector con grande competencia, no que resulta extremadamente difícil entrar.
O novo Aibo podería empregarse para controlar dispositivos no fogar (como acender ou apagar as luces) á vez que se comportaría como unha mascota facendo máis agradable a súa integración no noso día a día. O seu software estaría dispoñible a terceiras partes para poder engadirlle funcionalidades, ou sexa, para que haxa produtos e servizos que se comuniquen co robot doméstico, o que incrementaría as súas posibilidades.
Aínda que o Aibo orixinal podía considerase como un Furby de luxo (as 3.000 primeiras unidades comercializadas no Xapón en 1999 esgotáronse en 20 minutos pese a venderse a 250.000 iens, o que hoxe ao cambio serían uns 1.890 euros), desta volta falamos dun produto máis ambicioso, que persegue abrir novos ámbitos de aplicación da intelixencia artificial e a robótica, polo que non parece que vaian a repetir a estratexia de produto fóra do alcance do público polo seu elevado prezo.

PUBLICIDADE