Os bateeiros poderán consultar o estado das súas áreas de produción a través dunha app

xoves, 20 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O traballo da xente do mar segue a dar pasos cara a súa transformación tecnolóxica. Se os días pasados dimos conta da modernización das lonxas galegas a través do programa Primare, agora é a quenda do sector bateeiro, que, segundo informou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, vai poder acceder á información sobre o estado do mar das súas áreas de actividade a través dunha aplicación móbil específica.
A app presentouse este xoves 20 de febreiro en Vilanova de Arousa, da man dos responsábeis de INTECMAR e da propia conselleira, que explicou que o obxectivo primeiro era facilitar o traballo dos socios do Consello Regulador de Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, ao tempo que se puña en xogo un importante elemento de optimización e eficiencia.
Segundo fixo saber Quintana, información que se lles vai proporcionar aos bateeiros a través do móbil é a información que brinda o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) sobre o estado das zonas de produción de moluscos bivalvos ante fenómenos como a presenza de biotoxinas mariñas. Estes datos estarán á súa disposición de xeito rápido, doado e cómodo.
O novo servizo, denominado API REST, permite consultar o estado das diferentes zonas de produción de Galicia, tanto no que respecta ao estado das biotoxinas mariñas como na clasificación microbiolóxica desas zonas. A conselleira lembrou que a ferramenta é un dos instrumentos tecnolóxicos (sitios web, aplicacións para móbiles) postos en xogo polo INTECMAR ao servizo do sector.
Rosa Quintana mostrou a súa confianza en que esta nova ferramenta contribúa a impulsar a DOP Mexillón de Galicia, “a única para produtos do mar existente en España”, así como “o traballo dos seus socios”.

PUBLICIDADE