Os autobuses urbanos da Coruña deixan de empregar a aplicación Millennium Próxima

luns, 31 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Dende hai anos o Concello da Coruña permitía empregar a aplicación móbil Millennium Próxima para, entre outras cousas, aboar o bus urbano co teléfono móbil facendo uso da tecnoloxía contactless dos smartphones con Android, pero os atrancos postos por Apple para acceso das aplicacións ao NFC levou a que se tivese que repensar esta solución, de xeito que decidiron migrar o sistema de pagamento dos autobuses a códigos QR dende a App Coruña dispoñible para Android e iOS.
Dende o Concello tamén comentan que a migración a códigos QR tamén permite que os pagamentos co móbil estean accesibles para un maior número de dispositivos (xa que os móbiles con Android máis básicos carecen de NFC).
Chegou o momento de rematar esta transición entre aplicacións móbiles, e hoxe será o derradeiro día no que a aplicación Millennium Próxima estará operativa, de xeito que a partires de mañá só será posible pagar nos autobuses mediante códigos QR. Os usuarios que aínda empreguen a vella aplicación pode traspasar o saldo á nova dende o propio móbil.
Cómpre salientar que coa nova solución baseada en códigos QR só é posible pagar nos autobuses urbanos, non podendo empregarse no transporte interurbano, para o que está dispoñible a tarxeta TMG da Xunta de Galicia, aínda que dende o Concello da Coruña aseguran estar a traballar coa Administración autonómica para que integren o seu novo sistema baseado en códigos QR no transporte interurbano.