Os auriculares Xiaomi Piston chegan á súa terceira xeración

venres, 27 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Para os que non se conforman cos auriculares que inclúen os seus teléfonos móbiles levan un tempo tendo moi boa acollida os Xiaomi Piston, por ofrecer unha magnífica relación calidade-prezo dentro desta gama de dispositivos, e estes atractivos auriculares están a estrear a súa versión 3.0 saíndo á venda en China a un prezo de só 99 iuans (14,72 euros), polo que é de agardar que pronto cheguen a distribuidores internacionais a prezos que continúen a ser bastante atractivos.
Os auriculares Xiaomi Piston de terceira xeración achegan un son mellorado, un deseño máis perfilado, un cable de kevlar estruturado para evitar enredos, un cabezal flexible para que se adapte ben á orella (inclúe 3 recambios para cada auricular) e incluso detalles como un efecto de aluminio cepillado que en suma permítenlles compararse con produtos de fabricantes de primeira liña, pero mantendo un prezo moi contido, que o converten no accesorio ideal para os que buscan un bo son no móbil sen ter que realizar un grande investimento.

JPEG - 68.1 KB
Os auriculares inclúen cabezais flexibles de recambio

PUBLICIDADE