Os auriculares Tum Tum achegan tecnoloxía Bluetooth e altofalantes externos integrados

luns, 6 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

A empresa española Sistema presentou os días pasados uns aparellos que semellan achegar unha serie de importantes vantaxes para quen ande en loita contra a presenza de máis fíos tecnolóxicos no seu día a día. Trátase dos auriculares Tum Tum, que se presentan como os primeiros do mundo que inclúen tecnoloxía Bluetooth e máis altofalantes externos integrados. Estamos polo tanto ante uns auriculares multiuso. Por unha banda, achégannos a posibilidade de non amolar aos nosos veciños ou familiares coa nosa música, escoitándoa para nós mesmos. Pola outra, permiten que a compartamos con eles cando as gañas de seren respectuosos con eles esmorezan ou ben cando sexan eles mesmos os que o requiran. Bromas aparte, semella que estamos ante o comezo dunha pequena revolución tecnolóxica, sobre todo polo que teñen de facer doado e integrar o que até o de agora era complexo e estaba disgregado en diferentes servizos e aparellos.
Segundo informa Sistema, tamén salientan pola súa feitura: “O seu deseño é moi ergonómico e contan cunha estrutura lixeira e acabado en coiro, tanto nas almofadiñas que recobren as cápsulas como na diadema”. Ademais, comercialízanse xunto cunha funda de viaxe e un forro interior para gardar os accesorios.
Ao contar cun sistema de conexión Bluetooth permite conectar os auriculares a calquera dispositivo con esta tecnoloxía. Para dispositivos que non dispoñan de tecnoloxía Bluetooth, os Tum Tum incorporan un cable plano que evita ensarillados e achegando un jack de 3.5. Grazas a esta tecnoloxía, os auriculares pódense sincronizar co teléfono, atender chamadas e “falar normalmente a través dous cascos sen necesidade de usar as mans, soamente cun simple toque”, informa a empresa desenvolvedora. O prezo recomendado dos auriculares Tum Tum é de 179 euros, dispoñíbel en cor branca e en cor negra. De venda en grandes superficies como K-Tuin, FNAC, Carrefour, Media Markt e en Sistemaforyou (a tenda en liña de Sistema).

PUBLICIDADE