Os artistas españois xeraron preto de 137 millóns de euros en dereitos durante 2024

xoves, 22 de maio do 2025 Marcus Fernández

Spotify fixo públicos os novos datos da súa iniciativa Loud & Clear sobre a economía do streaming musical en España, revelando un crecemento sostido tanto en ingresos como na proxección internacional dos artistas españois, como un xeito de mellorar a imaxe pública da compañía tras as críticas recibidas por parte de numerosos autores que non parecen conformes coas compensacións económicas recibidas.
Segundo a compañía sueca, só en 2024 os artistas españois xeraron case 137 millóns de euros en dereitos a través da plataforma, o que supón un aumento do 11 % respecto ao ano anterior e máis do dobre respecto a 2019. O informe destaca tamén que o número de artistas que superaron os 10.000, 50.000 e 100.000 euros en ingresos duplicouse desde 2019.
En termos globais, Spotify achegou á industria musical máis de 10.000 millóns de dólares en 2024, a maior cifra anual da historia do sector segundo a plataforma, situándose como o principal servizo en termos de achegas económicas para músicos e selos discográficos.
Outro aspecto salientable do informe é o peso crecente dos artistas independentes: máis do 60 % dos dereitos xerados polos artistas españois en Spotify en 2024 proceden de músicos ou selos independentes. Esta cifra sitúa a España por riba da media mundial, onde a proporción rolda o 50 %. Segundo datos de MIDiA, Spotify representa máis da metade dos ingresos por streaming para artistas independentes a nivel global.
A dimensión internacional da música tamén queda patente: máis do 50 % dos dereitos xerados por artistas españois proveñen de oíntes fóra do país. En total, hai preto de 850 millóns de listaxes de reprodución creadas por usuarios en todo o mundo que inclúen artistas do Estado, evidenciando o papel exportador da música en español.
Neste sentido, o español afírmase como un idioma clave dentro da plataforma. A música interpretada neste idioma rexistrou un crecemento do 16 % nos ingresos globais en 2024 respecto a 2023, e practicamente duplicou os rexistrados en 2021. Ademais, os artistas que superaron o millón de dólares en ingresos no último ano gravaron en 17 idiomas distintos, fronte aos 8 de 2017, confirmando o carácter crecente e multilingüe da industria musical no contexto dixital.