Os argalleiros invadirán a Domus da Coruña o vindeiro sábado

martes, 7 de novembro do 2017 Redacción

O vindeiro sábado celebrarase a OSHWDem, unha feira dirixida a que todos os públicos, especialmente os non profesionais, poidan gozar e iniciarse nas coñecidas como tecnoloxías abertas. Durante todo o día haberá exposición de proxectos explicados polos seus propios autores, competicións de robots de todos os niveis de sofisticación e talleres e charlas sobre estas tecnoloxías.
O evento está organizado pola asociación Bricolabs, leva celebrándose anualmente desde 2012 e á pasada ediicón asistiron 2.150 persoas e preto de 800 máis participaron nas actividades organizadas os días próximos á feira.
Este ano a exposición encherá todos os recunchos da Domus, e contará con máis de 150 proxectos realizados por máis de 100 argalleiros vindos de toda España e parte de Europa.
Os proxectos abarcan desde xogos sinxelos ata as montaxes máis complexas. Todos eles teñen en común que a información de como se fan está publicada para que calquera poida reproducilos, adaptalos ou mesmo melloralos. Na OSHWDem poderás coñecer aos creadores de cada proxecto que responderán as túas preguntas e contaranche as características e dificultades que atoparon na súa realización.
Ao longo de todo o día celebraranse competicións de robots. Desde os máis sinxelos na competición de Hebocon, feitos con cinta illante e pezas dispares, ata os máis sofisticados capaces de resolver labirintos de forma autónoma ou carreiras de segueliñas autónomos. Mención especial merecen os combates nos que só un robot sobrevive.
Calquera que o desexe pode construír un robot básico para Hebocon e está a tempo de apuntarse para competir nesta ou outra das competicións.
Tamén haberá obradoiros e charlas que abarcan desde a iniciación ata técnicas máis sofisticadas. Os obradoiros non rematan o día 11, senón que ao longo de todo o mes desenvolveranse sesións de iniciación á soldadura, construción de robots, instrumentos musicais e programación.
O horario da OSHWDem o día 11 de novembro é de 10:00 a 20:00 horas e a entrada é de balde.

Horarios

PUBLICIDADE