Os anuncios de encabezado de YouTube chegarán aos televisores

xoves, 19 de setembro do 2019 Marcus Fernández

O formato publicitario de YouTube que chega aos televisores destacará pola súa posición prominente, converténdose nun dos xeitos máis efectivos para conseguir un grande impacto

Cada vez é maior o consumo de YouTube na pantalla do televisor, grazas en grande medida á grande implantación dos Smart TV nos fogares, e conscientes diso a empresa de Mountain View quere aproveitar esa oportunidade para unha maior explotación publicitaria, polo que anuncian que o formato de anuncios de encabezado, que podemos ver na versión web do servizo, e que sería un equivalente aos banners de cabeceira de moitas publicacións, chegará ás aplicacións de YouTube para televisores.
Este anuncio en vídeo non só terá un lugar prominente na pantalla do televisor (conseguindo un grande alcance), senón que tamén reproducirase automaticamente aos poucos segundos, co que buscan un grande impacto. Os anuncios de encabezado están dispoñibles tanto para a web como para dispositivos móbiles, e a partires de agora os anunciantes poden mercar este tipo de anuncios, podendo indicar a audiencia á que van dirixidos, no que semella que será un dos formatos publicitarios máis interesantes cando se quere remitir unha mensaxe nun momento moi determinado.

PUBLICIDADE