Os Xogos con Gold de febreiro inclúen títulos representativos de épocas moi distintas

venres, 22 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Microsoft anunciou os que serán os Xogos con Gold do mes de febreiro, e realmente son toda unha sorpresa, xa que ofrecen tanto un dos grande xogos exclusivos da compañía, Gears 5 (compatible con PC, Xbox One e Xbox Series X|S), senón tamén auténticas xoias das anteriores xeracións.
Cómpre salientar que a última entrega de Gears of War non só é un xogo impresionante que busca animar a moitos e conectar con esta saga, senón que tamén é un título optimizado para as novas consolas, o que é especialmente evidente no seu potente modo multixogador.
Poder gozar da versión para Xbox One da remasterización en alta definición de Resident Evil tamén é unha boa oportunidade, xa que para moitos será un primeiro acercamento ao título que marcou os pasos a seguir pola meirande parte de traballos no xénero dos survival horror.
Para completar os xogos de Xbox One temos Dandara: Trials of Fear Edition, un xogo de misterio que podemos describir como o título menos coñecido desta selección.
E cando imos ás consolas máis vellas chegan as meirandes sorpresas, xa que na primeira metade de febreiro teremos dispoñible Indiana Jones y la tumba del emperador, xogo de aventuras lanzado para a Xbox orixinal, e que grazas á retrocompatibilidade pode xogarse en Xbox One e Xbox Series X|S, destacando o feito de que conta con melloras para Xbox One X. A recuperación deste xogo de The Collective para LucasFilm é toda unha sorpresa porque ao ter unha vida tan curta a primeira Xbox son poucos os xogadores que chegaron a gozar deste título no seu día.
Outro título que tira proveito da retrocompatibilidade é Lost Planet 2, que podemos xogalo en Xbox One e Xbox Series X|S, e basicamente é un xogo de acción en terceira persoa que resulta atractivo para xogar con amigos.

PUBLICIDADE