Os Samsung Galaxy A51 e A71 estrean versión 5G

mércores, 8 de abril do 2020 Marcus Fernández

A primeiros de ano chegaron a España os smartphones de gama media cos que Samsung quere conseguir unha boa posición no mercado, o Galaxy A51 e o Galaxy A71, que apostando por baterías de longa duración, cámaras múltiples, pantallas case sen marcos e prezos axustados están a ter unha boa aceptación (lembremos que o Samsung Galaxy A50 foi o móbil máis vendido en España en 2019), de aí que queiran ir un paso máis aló, e para usuarios máis esixentes anuncian versións 5G do Galaxy A51 e do Galaxy A71.
Deste xeito, o que queiran gozar das velocidades ultra-rápidas da 5G non terán que adquirir un smartphone de alta gama, senón que poderán optar por estes dispositivos máis asumibles, que poden resultar atractivos para quen renove o móbil con pouca frecuencia, de xeito que resultaralle atractivo facerse cun terminal preparado para as comunicacións do futuro.
O Samsung Galaxy A51 5G é un teléfono con pantalla Super AMOLED Full HD+ de 6,5 polgadas, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas micro SD de até 1 TB), lector de pegadas en pantalla e batería de 4.500 mAh con carga rápida de 15 watts, que podería converterse nun dos móbiles de máis éxito nos vindeiros meses.
Usuarios máis esixentes poderían optar polo Samsung Galaxy A71 5G, que presenta unha pantalla Super AMOLED Full HD+ de 6,7 polgadas, cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 1 TB de capacidade), lector de pegadas en pantalla e batería de 4.500 mAh con carga rápida de 25 watts.
Ambos smartphones inclúen NFC compatible con Samsung Pay, sendo tamén compatibles con outras prestacións do ecosistema do fabricante surcoreano como Samsung Health e Samsung Knox, de xeito que resultan atractivos tanto para usuarios particulares como para empresas que queiran integralos na súa flota de móbiles.

PUBLICIDADE