Os Premios Youtubeiras+ pechan este venres o prazo de inscrición

martes, 12 de novembro do 2024 S. P.

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, pecha este venres 15 de novembro, ás 23.59 horas, o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios.
A inscrición cómpre realizala a través da web da iniciativa Youtubeiras e está aberta a todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.
Nesta convocatoria, os Premios Youtubeiras+ permiten por vez primeira que se presenten creacións en galego en TikTok. O certame amplía, deste xeito, o seu radio de acción, modifica as súas bases e muda as categorías nas que se dividen os galardóns, que pasan a ser sete: canle de YouTube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o Premio do público. Os dous primeiros premios estarán dotados con 1250 €, mentres que o resto recibirá 1000 €. En total, a organización repartirá entre as persoas gañadoras 7500 €.
Para o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web. O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén até o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos. Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.
O xurado dos Premios Youtubeiras+ comporano Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.