Os Premios Prisma distinguen unha webserie e un podcast científicos e máis o proxecto Talentos Inclusivos
mércores, 26 de outubro do 2022
O
xurado dos Premios
Prisma Casa das Ciencias á Divulgación determinou o pasado 24 de
setembro os proxectos gañadores da XXXV edición do certame.
Entre os premiados atópanse varios proxectos tecnolóxicos e
innovadores, como por exemplo unha serie web científica (Camiño
a Congreso) ou un podcast que achega a investigación á rapazada
(A lupa sónica). Ademais, o proxecto Talentos
Inclusivos, promovido polo CITIC da UDC e ASPACE Coruña co obxectivo
de romper barreiras sociais coas tecnoloxías máis avanzada, recibiu
unha mención honorífica na categoría de proxecto singular.
Os
premios Prismas son unha iniciativa do Concello da Coruña, a través
dos Museos Científicos, que pretende potenciar a difusión da
cultura científica en España, e apoiar a todos os/as profesionais
que traballan neste eido.
Os
traballos premiados nesta edición, xunto co proxecto Talentos
Inclusivos, foron os seguintes:
– Mellor
traballo en vídeo: Camiño a Congreso, unha webserie
do IAA-CSIC, por unha ficción audiovisual de gran calidade técnica
que retrata con humor o labor cotián nun equipo científico.
– Mellor
novo medio: Yonki Books, de Oihan Iturbide, por achegar
recursos de gran calidade, con riqueza de formatos e perspectivas,
sobre as adicións, un problema rodeado de estigmas e prexuízos.
– Mellor
libro editado: Acoso, de Ángela Bernardo Álvarez en Next
Door Publishers, por presentar unha investigación rigorosa sobre o
acoso, un problema de gran transcendencia que afecta os dereitos
fundamentais das persoas que fan ciencia.
– Mellor
artigo xornalístico: Historia dun secuestro xenético: así
foi como unha mosca roubou “superpoderes” a unha planta, de
Jesús Méndez González en Axencia SINC, por converter unha
investigación de ciencia básica e moi pouco coñecida nunha
historia fascinante de gran calidade xornalística.
– Mellor
traballo en radio: A lupa sónica, un podcast de María
Teresa Pérez Cidoncha e Xaviera Torres Joerges, por achega a ciencia
á infancia cun estilo innovador e un deseño sonoro de gran
calidade.
– Mellor
proxecto singular: Dons de ciencia, promovido pola
Universidade Politécnica de Valencia, por reivindicar a científicas
contemporáneas nun proxecto de amplo alcance que combina arte e
ciencia coa participación da cidadanía.
– Mención
honorífica, na categoría libro editado, á Ciencia do
chup chup, de Elena Sanz en Editorial Planeta.
A
entrega dos premios será o sábado 19 de novembro na Coruña.