Os Premios Manuel Beiras celebran os seus 20 anos

venres, 15 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A través dos Premios Manuel Beiras, o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio local levan 20 anos recoñecendo o uso do galego das comunicacións das empresas e comercios locais. Agora, trala natural evolución do certame, que se adaptou plenamente ao uso das redes sociais (onde tamén se pon o punto de mira para comprobar o nivel de compromiso coa lingua dos aspirantes), poderíase dicir que a iniciativa abre un novo capítulo na súa andaina, un feito ao que se suma a estrea da nova concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, á fronte da mesma. Foi Noa Díaz, xunto co vogal da Cámara de Comercio, Xavier Freire, quen deu a coñecer hoxe a nova convocatoria.
Segundo fixeron saber, os galardóns entregaranse o 16 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, “nun acto moi especial que estará cheo de lembranzas e sorpresas con motivo deste 20 aniversario”.
Os novos premios, dixeron, pretenden poñer de manifesto os aspectos positivos da comunicación comercial en galego en dúas vertentes: de cara ás empresas, “para que reparen no aprecio do público-cliente compostelán polo uso da nosa lingua, asociada a valores como a proximidade, a confianza ou a calidade”; e de cara á cidadanía, para “destacar os negocios que responden ás expectativas de dar servizo en galego e evidenciar a capacidade que ten, como clientela potencial, para animalos e recompensalos coas decisións de compra”.
Os Premios Manuel Beiras convócanse en dúas categorías: empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega e empresas que se incorporaran recentemente ao uso da nosa lingua. Ademais, pode outorgarse unha distinción especial a unha persoa ou entidade que se destacara pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.
O xurado dos Manuel Beiras estará formado por un representante do Concello, da Cámara de Comercio, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Universidade de Santiago, dunha asociación en defensa da lingua, do Colexio Oficial de Xornalistas, dunha asociación de consumidores, e de cada unha das empresas premiadas na edición anterior.
Para presentar as candidaturas cómpre enviar unha mensaxe ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal) ou ao Departamento de Comunicación da Cámara (comunicación@camaracompostela.org). Todas as que se formulen antes do 10 de decembro seranlle transmitidas ao xurado desta edición, que tamén poderá sumar as propias.
Ao igual que nos últimos anos, a convocatoria dos Premios Manuel Beiras vén precedida dunha campaña de promoción que ten como obxectivo dar a coñecer os galardóns e incentivar a presentación de candidaturas, así como animar ás empresas a comunicárense en galego. Ademais, continuará tamén difundíndose o vídeo #traballamos en galego, co que diversas empresas galardoadas testemuñan o seu compromiso co galego nas súas tarefas cotiás.
Temos toda a información do certame na súa páxina web, onde pódense atopar as listas de gañadores de edicións anteriores, as bases da convocatoria e unha manchea de recursos gráficos sobre os galardóns.

PUBLICIDADE