Os Obradoiros 4.0 de CLUSAGA mergullaron ás empresas na IA, nos obxectos conectados e na cadea de bloques

luns, 29 de maio do 2023 S. P.

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) celebrou este venres 26 de maio a sesión final dos seus Obradoiros 4.0 (Obradoiros de dixitalización na industria alimentaria galega: solución tecnolóxicas, innovación e oportunidades de negocio), unha iniciativa que arrancou en marzo, e que conto apoio e financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). Tiveron o obxectivo de aumentar a competitividade das empresas do sector alimentario a través da I+D+i.
Serviron tamén para sensibilizar, detectar e promover a dixitalización a través da adopción e desenvolvemento de novas solucións dixitais baseadas en IA (Intelixencia Artificial), IoT (Internet das Cousas), cadea de bloques (blockchain) ou xemelgo dixital, entre outras.
Estas sesións, exclusivas para empresas socias de CLUSAGA, contaron coa participación de Clavo Food Factory, Grupo Pereira, Real Conservera Española, Jamones González, FreshCut, Kiwi Atlántico, Queixerías Prestes, NovaFRIGSA, Cafés Candelas e Torre de Nuñez.
O evento celebrado o venres no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela) supuxo o peche desta iniciativa tras tres sesións de traballo grupais. Nelas afondouse nas oportunidades que ofrece a dixitalización en distintos eidos, tales como datos industriais, sustentabilidade e operacións de interoperabilidade e rastrexabilidade (trazabilidade).
Asemade, realizáronse auditorías individualizadas entre as empresas participantes, nas que se detectaron máis de 40 proxectos de I+D+i, tanto individuais como colaborativos. “Estes”, informou CLUSAGA, “poderán dar pé tanto á implementación de solucións de alta eficiencia para cubrir as necesidades das empresas, como a novas oportunidades de negocio para competir no mercado con solucións innovadoras e de alto valor”.
Coma broche final, a última sesión apostou pola difusión do coñecemento, poñendo en contacto ás 10 empresas participantes nesta iniciativa con outras 10 empresas tecnolóxicas baixo unha fórmula de SpeedNetworking. Deste modo, a xornada serviu para aliñar as necesidades detectadas nas empresas alimentarias coas máis avanzadas tecnoloxías que desenvolven outras empresas socias de CLUSAGA.
Tras a participación das empresas alimentarias nos Obradoiros 4.0, a agrupación continúa co seu labor a prol da industria alimentaria, brindando apoio integral ás empresas involucradas na presentación de propostas de proxectos de I+D+i que dean resposta ás necesidades a través do Servicio Innpulsa.
Innpulsa, a través da súa modalidade Innpulsa Proxecta, abrangue o apoio ao longo de todo o ciclo de vida dun proxecto de innovación, dende a entrevista para determinar de forma personalizada o alcance, pasando pola detección das mellores axudas dispoñibles ou a busca de provedores, así como o soporte na redacción e presentación da proposta, ou a coordinación do proxecto en caso de concesión.

PUBLICIDADE