Os Gardiáns da Galaxia estrean videoxogo de acción

martes, 26 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Dentro do Universo Cinematográfico Marvel resultou especialmente rechamante o éxito de Guardiantes de la Galaxia, por ser uns personaxes de reducido impacto na banda deseñada, pero unha vez consolidados na cultura popular era inevitable que contasen cun grande xogo de acción que fose máis aló da aventura gráfica desenvolvida por Telltale Games, de aí que xa sexa unha realidade Marvel’s Guardians of the Galaxy de Square Enix, xogo que xa pode adquirirse para PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S, Nintendo Switch e PC.
Estamos ante un xogo de acción en terceira persoa no que encarnamos ao carismático Star-Lord, líder do equipo de heroes accidentais que terá que enfrontarse a numerosos desafíos para evitar o colapso interplanetario nunha historia creada para a ocasión na que aparecen tanto poderosos seres novos como versións únicas de personaxes emblemáticos.
No xogo poderanse desenfundar os blasters para disparar a todo o que haxa ao redor, dar patadas aéreas con botas propulsoras e repartir leña co equipo de Gardiáns habitual contando coa compaña de música dos anos 80 para manter o toque especial que este grupo recibe en pantalla grande, aínda que desta volta esteamos ante un universo a medio camiño entre o cine e o cómic (o que pode apreciarse incluso na vestimenta dos personaxes).

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE