Os Galaxy S23 chegan para dominar en potencia a actual xeración de móbiles Android

mércores, 1 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Samsung presentou esta tarde os agardados smartphones Galaxy S23 Ultra, Galaxy S23+ e Galaxy S23, que chegarán ás tendas o vindeiro día 17, e supoñen un importante salto fronte á xeración anterior principalmente por adoptar como procesador en todos os modelos o Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2 nunha edición exclusiva para dispositivos Galaxy que permite unha maior velocidade que funcionamento, convertendo a estes móbiles nos máis rápidos con Android.
A nivel de cámara os novos móbiles tamén melloraron substancialmente, especialmente o Galaxy S23 Ultra, que conta cun sensor Adaptive Pixel de 200 Mpíxeles, o que permite unha precisión sen precedentes e, mediante pixel binning admite varios niveis de procesamento de alta resolución á vez. Os novos móbiles tamén contan coa función de Nightography, conseguindo fotografías e vídeos magníficas incluso con pouca luz. As cámaras de selfie tamén incorporan enfoque automático rápido e convértense nas primeiras cámaras selfie Super HDR (pasando tamén de 30 a 60 imaxes por segundo na gravación de vídeo).
Para os fotógrafos máis esixentes os novos Galaxy S23 contan en exclusiva coa aplicación Expert RAW, que permite capturar e editar imaxes como nunha cámara profesional, disparando en RAW e JPEG. Tamén posibilita a experimentación coa exposición múltiple e incluso capturar unha Vía Láctea nítida cos axustes de astrofotografía.
Estes novos móbiles son os primeiros do mercado en incorporar a nova protección de pantalla Corning Gorilla Glass Victus 2. E como garantía de duración tamén aseguran que recibirá 4 xeracións de actualizacións do sistema operativo e 5 anos de actualizacións de seguridade.
Entrando en especificacións, o Samsung Galaxy S23 Ultra conta cunha pantalla AMOLED 2X de 6,8 polgadas con resolución QuadHD+ e frecuencia de refresco variable de até 120 Hz, procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2 for Galaxy, até 12 GB de RAM, até 1 TB de almacenamento interno; cámara traseira cun sensor principal de 200 Mpíxeles apoiado por un ultra grande angular de 12 Mpíxeles e dous teleobxectivos de 10 Mpíxeles de 3x e 10x, mentres que a cámara frontal ten 12 Mpíxeles; a súa batería de 5.000 mAh pode cargarse até a 45 watts; o dispositivo ten protección IP68; e a nivel de conectividade conta con 5G, Wi-Fi 6E e Bluetooth 5.3. Conta con compatibilidade con S Pen, polo que podemos verlos como os móbiles herdeiros da familia Note. O seu prezo de venda parte dos 1.409 euros.
Os Samsung Galaxy S23 e S23+ son máis modestos, con pantalla Full HD+ de 6,1 e 6,6 polgadas respectivamente, 8 GB de RAM e até 512 GB de almacenamento, así como con baterías de 3.900 mAh (con carga de 25 wats) e 4.700 mAh (con carga de 45 watts) respectivamente; mentres que na cámara traseira confórmanse cun sensor principal de 50 Mpíxeles, así como tamén prescinden do teleobxectivo de 10x. O Galaxy S23 parte dun prezo de 959 euros, mentres que o S23+ ten un prezo de saída de 1.209 euros.

PUBLICIDADE