Os Galaxy Note7 restaurados poderían comezar a venderse en xuño cun desconto do 30%

mércores, 26 de abril do 2017 Marcus Fernández

O mes pasado Samsung confirmou a súa intención de comercializar nalgúns mercados versións restauradas dos seus retirados Galaxy Note7, aos que se lle cambiaría a súa batería de 3.500 mAh por outra de 3.200 mAh para evitar os problemas que provocaban incendios espontáneos e agora dende ET News aseguran que o desexado teléfono poderá mercarse inicialmente en Corea do Sur a partires do mes de xuño.
Aseguran que o número de unidades que poranse á venda sería inicialmente de só 300.000 unidades, o que podería provocar a súa venda case instantánea, xa que estamos ante un terminal moi desexado, e aínda que conten cunha batería de menor capacidade continúa a ser un dispositivo moi completo e o seu prezo será considerablemente inferior ao inicial: aseguran que custará 700.000 wons (568 euros), o que suporía unha rebaixa do 30%.
Esta información non sería oficial, polo que os detalles podería cambiar, non dándose polo momento ningún detalle sobre a posible comercialización destes móbiles restaurados en Europa (onde os Note7 iniciais non chegaron a venderse con normalidade, chegando só a mans dalgúns compradores que os reservaran antes da súa data de lanzamento inicial).

PUBLICIDADE