Os Ecommerce Awards Galicia 2019 distinguiron a Lolita Moda, Soloimprenta e A&B Shop

mércores, 20 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Pablo Hermo Villar, de Lolita Moda, recollendo o galardón na Coruña

O pasado 14 de novembro, coa participación duns 200 profesionais, celebrouse a parada galega segunda edición da xira estatal Ecommerce Tour, un programa itinerante de mesas redondas, relatorios e premios destinados a pór de relevo a importancia de facer innovar os nosos negocios e adaptalos ás esixencias e vantaxes do mundo dixital. A cita coruñesa, que se celebrou en PALEXCO, puxo o foco no sector da moda. Ao fío disto, houbo presentacións de proxectos e, tamén, recoñecementos: distinguiuse a Lolita Moda, Soloimprenta e A&B Shop como as mellores tendas online galegas na II Edición dos Premios Ecommerce Tour Awards Galicia.
O primeiro premio foi para Lolita Moda, histórica empresa familiar creada en Noia, no 1960, da man de Dolores González e Mario Hermo e hoxe en un auténtico referente en transformación dixital dos sectores máis tradicionais. Lolita Moda, que ten unha notábel presenza no Barbanza (con grandes tendas en Noia, Ribeira e Boiro, aínda que tamén en Pontevedra e Bertamiráns), foi distinguida nos Premios Ecommerce pola súa “dedicación ao traballo, pola calidade dos seus produtos, polo seu servizo de atención ao cliente e pola innovación e funcionalidade das súas tendas”, uns ingredientes que, en opinión do xurado “fixeron posíbel que sexa un referente no sector téxtil” e, tamén, na integración no mundo tecnolóxico, cunha tenda online propia achegada en media ducia de idiomas e cunha ampla presenza nas redes.
O segundo foi para Soloimprenta, un ecommerce galego creado hai sete anos que, en palabras do xurado, foi quen de situarse dende os seus inicios como “unha das compañías emblemáticas do seu sector, baseándose nos principios e valores do bo comercial: seriedade, trato próximo, personalizado e que pensa 100% no cliente”.
O terceiro premio foi concedido a A&B Shop, tenda de roupa de venda lowcost, en liña, onde podemos mercar conxuntos para vestir todos os integrantes dunha familia coa vantaxe (e co engadido extra) de facelo todas e todos dun xeito semellante e distinguíbel.
No transcurso da xornada tamén se puxo o foco na capacidade innovadora Minimalism Brand, Coosy ou Fuikaomar.es. Amais, déronse a coñecer as últimas novidades en vendas en Internet, loxística, transformación dixital, email mercadotecnia e omnicanle. A empresa encargada da organización (da parada coruñesa e da xira estatal) é Ecommerce News. O evento contou co patrocinio de BBVA, WebLoyalty, Sabadell, Don Dominio, Fotografía eCommerce, Retail Rocket e Vino Premier.

PUBLICIDADE