Os CoruñaHacks anímannos a ser impulsores e creadores de tecnoloxías libres

luns, 1 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Este sábado 6 de outubro comeza na nosa terra un programa de obradoiros que son, en si mesmos, tres grandes oportunidades para converternos en expertos facedores de ferramentas libres e máis en en membros da comunidade galega e mundial de usuarios e desenvolvedores de free software e cousas maker. Estamos a falar dos CoruñaHacks, que de partida compóñense de tres hackathons (6 de outubro, 17 de novembro e 1 de decembro) para “dar forma e impulsar proxectos open source en equipo”, en palabras da organización, o colectivo galego GPUL.
Segundo nos contan, na primeira xeira de traballo presentaranse as ideas e formaranse os equipos. Estes equipos encargaranse de desenvolver un proxecto open source nos hackatons físicos ou de maneira remota até o 1 de decembro, xornada na que se presentarán ao remate da tarde e farase unha entrega de premios. Despois da entrega de recoñecementos, todas e todos os participantes que así o desexen poderanse unir á cea-networking da noite.
Sobre as posibilidades que se abren con estes obradoiros, a organización lembra que CoruñaHacks é un espazo de gran interese para desenvolvermos ferramentas útiles para as nosas empresas, entidades e organizacións, e, tamén, “para estar de xeito conxunto con outras persoas, ver como traballan e mesmo atopar fichaxes para as empresas participantes”.
O GPUL mantén neste intre operativa unha ligazón para o envío colectivo de proxectos, onde podemos ter parte activa en caso de que haxa algunha ferramenta (na nosa empresa ou asociación ou entidade) coa que nos gustaría contar e que “non presenta alternativas decentes que nos convenzan”. Tamén podemos participar como side projects.

PUBLICIDADE