Os Bolechas percorrerán os festivais do verán convidándonos a reciclar aparellos electrónicos

luns, 10 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Os refugallos eléctricos, electrónicos e informáticos (tamén coñecidos como RAEE) e os mellores xeitos de garantirlles unha correcto tratamento van ser o leit motiv da nova xira da familia de Os Bolechas pola nosa terra, unha xira que xa comezou (en Marín e na Coruña, coincidindo co Gran Premio Internacional Marcha Cantóns) e que proseguirá os días vindeiros en Carballo (12 de xuño), en Santiago (os días 13 e o 14 de xuño, con motivo do festival O Son do Camiño) e máis en Narón (o día 15).
Así nolo conta a Consellería de Medio Ambiente, organizadora do periplo lúdico-ambiental, un percorrido se fixo coincidir con algunhas das festas e eventos máis senlleiros da tempada para acadar, desta maneira, as máximas pegada e repercusión.
Entre estas grandes citas inclúese tamén o Resurrection Fest de Viveiro.
Ao abeiro da xira, os acontecementos multitudinarios da tempada contará coa presenza de postos informativos medio-ambientais, unha carpa inchábel, pantallas táctiles con xogos interactivos e vídeos divulgativos sobre as vantaxes de reciclar aparellos eléctricos e electrónicos, comezando (o primeiro elo da cadea) por depositarmos estes trebellos en desuso nos puntos limpos fixos ou móbiles ou nos contedores específicos habilitados. Por suposto, a xira verase complementada (e impulsada) coas contribucións in situ dos integrantes da familia de Os Bolechas, os persoeiros creados por Pepe Carreiro.
Esta nova actuación enmárcase na campaña O que se enchufa, recíclase, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente co obxectivo de “mellorar a xestión e o tratamento deste tipo de refugallos pola vía da concienciación e da sensibilización cidadá”. A actividade en cuestión desenvolverase ao longo de xuño e xullo en dúas ducias de concellos. Será, en palabras da consellería, “unha campaña de street marketing ou mercadotecnia de rúa na que se contará tamén coa colaboración de Os Bolechas, os protagonistas da popular serie de contos que se ocuparán da parte de sensibilización dirixida ao público infantil”.
Obxectivo: máis información e mellor xestión
Os obxectivos xerais desta nova iniciativa de carácter divulgativo son “fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo actuais e como inciden na nosa contorna, contribuíndo para evitalo a un mellor tratamento dos RAEE a través do incremento das actuais taxas de recuperación”. Así mesmo, proxectarase a imaxe de Galicia como “pioneira en sustentabilidade e educación ambiental desde a nenez, como vía para contaxiar ao resto da sociedade dese mesmo impulso sustentábel e ecolóxico”.

PUBLICIDADE