Os Angry Birds estrearán xogo de realidade aumentada en abril

mércores, 20 de marzo do 2019 Marcus Fernández

O mes pasado veu a luz o xogo Angry Birds VR: Isle of Pigs, unha aventura dos paxaros anoxados de Rovio na que teñen que enfrontarse aos porcos verdes a través de máis de 50 niveis en realidade virtual, de xeito que os posuidores de cascos Oculus Rift, HTC Vive ou compatibles con Windows Mixed Reality poden xogar aos Angry Birds de xeito inmersivo, experiencia que vai trasladarse agora ao mundo real tirando proveito da tecnoloxía de realidade aumentada de Apple.
Temos así que está previsto que o 11 de abril estea dispoñible na App Store o xogo Angry Birds AR: Isle of Pigs, que poderá descargarse de balde (polo que é de esperar que faga un uso intensivo das microtransaccións) no que poderemos gozar de máis de 40 niveis que integraranse no noso contorno, de xeito que teremos que movernos fisicamente ao redor dos escenarios virtuais para lanzar aos paxaros anoxados dende distintos ángulos para destruír as estruturas que protexen os porcos verdes e así recuperar os ovos que lles roubaron.

Tráiler de Angry Birds AR: Isle of Pigs

PUBLICIDADE