Os Amigus Labs convocan esta finde á comunidade argalleira galega

mércores, 10 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O espírito Maker non cesa este outono na nosa terra. Para quen queira seguir avanzando en coñecementos e habilidades arredor da robótica e o software e o hardware libres, vai ter ocasión de facelo os días 13 e 14 de outubro nas Pontes, cunha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que desenvolven regularmente os integrantes da Asociación Amigus e Merca nas Pontes. A nova edición destas xeiras creativas, participativas e abertas celébrase como de costume no Lar da devandita vila coruñesa.
Os Workshops’18 dos días 13 e 14 de outubro serán tamén a antesala das actividades que prepara Amigus para a OSHWDem do 10 de novembro no museo DOMUS de A Coruña e para a Maker Faire Galicia, en Santiago os 23, 24 e 25 de novembro na Cidade da Cultura. Nos devanditos workshops previos, a asociación aproveitará para rematar os proxectos que se van presentar ao detalle nestes dous acontecementos de novembro, que son tamén escaparates de primeira liña para mostrar achados argalleiros feitos en colectividade.
Proxectos como por exemplo o Tetris LED, o barco autónomo solar, os velocistas, así como o labor de optimización das impresoras 3D das que dispón a asociación das Pontes, amais de novos proxectos como un mando Bluetooth para calibrar os velocistas, unha interface da mesma tecnoloxía de comunicación para unha recreativa ou a fabricación dun escáner 3D. Amigus e os seus integrantes tamén se introducirán no eido das FPGA coa Alhambra II.
Na nova edición dos Amigus Labs, asemade, potenciarase o uso do software e o hardware libre, dende placas Arduino e Raspberry Pi, pasando por software de programación, deseño, modelado e animación 3D.
A idade mínima para participar nos workshops e de 8 anos en adiante, e a inscrición é de balde. Novamente o horario será o seguinte: o sábado de 10:30 a 20:00 horas e o domingo de 10:30 a 14:00, facendo unha parada para xantar (no Lar) o sábado de 14:00 a 16:00.

PUBLICIDADE